No libro de Donna Haraway Seguir con el problema, a autora do Manifesto Cyborg e da invención da idea de Chtuluceno para definir a época que estamos a vivir (o que outros autores chaman Antropoceno ou mesmo Capitaloceno), emprega o concepto de "devir-con" como eixe central da "alianza multiespecies" necesaria para vivir e morrer ben en convivencia coas especies dun planeta que agoniza.
Pensei moito nese concepto e nesa "alianza multiespecies" (que, para que enganarnos, inicialmente soábame a marcianada total) da que fala reiteradamente Haraway mentres lía este cómic de Ugo Bienvenu, enésima achega á distopía que ven de contrabando coa utopía anarco-capitalista procedente de Silicon Valley na que estamos enrolados coma se foramos ocupantes dun tren sen freos avanzando por uns carrís que se van desintegrando ao seu paso.
Ugo Bienvenu é un corredor de fondo no mundo do cómic e da ilustración. Para quen isto escribe é, basicamente, o autor das fermosas animacións que se superpoñen aos fotogramas da película "Eden" de Mia-Hansen Love ao comezo desta (tamén actúa cun pequeno papel neste filme), abranguendo a súa traxectoria a realización de cortos e filmes de animación, ilustración publicitaria e varias novelas gráficas. A experiencia de todos estes campos nótase no resultado final desta obra, posuída por un grafismo que bebe tanto dunha versión algo retorcida da canónica "liña clara" franco-belga como do mundo da imaxe publicitaria.
O argumento desenrola unha peculiar mestura entre elementos procedentes do Farenheit 451 de Ray Bradbury e da 2001: Unha Odisea no Espazo de Stanley Kubrick. Atopamos nel a mesma preocupación ca primeira polo mantemento da memoria nunha sociedade autoritaria entregada ao olvido e ao culto á banalidade e un similar cuestionamento do papel das intelixencias artificiais na súa convivencia co ser humano que aparece na segunda. Partindo destes materiais, Bienvenu realiza unha interesante reflexión arredor dese acordo multiespecies do que falaba ao principio, sendo a imaxe máis icónica e potente das súas páxinas ese robot xestante no cal se desenvolve un embarazo humano e que aparece na portada do cómic envolto na vexetación do rural francés.
Preferencia del Sistema transcorre nunha Francia que semella estar temporalmente só a uns anos de distancia de nós. Un dos futuros probables inscritos no noso presente. Un tempo no que a maior parte da poboación malvive na precariedade e entregada a un tipo alienante de ocio nos escasos instantes que ten de descanso mentres unha elite ultra-rica decide o tipo de traballos que aínda poden desenvolver os humanos e tamén os produtos culturais que merecen ser gardados nuns sistemas de almacenamento finitos que esixen que se vaian sacrificando partes da historia cultural humana para que o seu lugar sexa ocupado polas excitantes burbullas do ocio máis vacuo. Coma é habitual neste tipo de historias, un heroe tratará de enfrontarse ao sistema dende unha posición de inferioridade que leva o seu destino xa escrito dende o comezo.
Desenvolvida en dous actos moi marcados, o triángulo existencial que forman os humanos, os robots e a natureza dá lugar a estrañas alianzas entre eles. Unha das posibilidades que apunta Bienvenu e a cuestión de depositar nos robots a herdanza dos humanos, unha vez que estes semellan estar máis interesados na súa propia aniquilación que en calquera outra cousa. Outra, como a "fidelidade" ao código das entidades non naturais acaba convertendo a estas en suxeitos moito máis fiables que os propios humanos para desenvolver as tarefas relacionadas co coidado doutros humanos e coa preservación da mesma natureza.
Aínda que salpicada de poemas leidos polos protagonistas en diversos momentos da narración (Auden, Rimbaud ou Musset) o ton emocional da obra é deliberadamente frío. Non hai apenas expresións sentimentais ou psicoloxización duns personaxes movidos por motivacións transparentes. O contrapunto entre a neutralidade formal da narración no plano da expresión sentimental e a carga do seu contido funciona con eficacia, estando especialmente ben construídas as escenas climáticas a cargo dos robots protagonistas.
Como toda obra de ciencia-ficción, Preferencias del Sistema, xoga menos na liga da especulación futurolóxica que na do comentario sobre o propio presente a partir de certas liñas de forza que o conforman. E, neste senso, cumple con brillantez coas súas intencións ao presentar máis un feixe de preguntas interesantes -e pertinentes- que ao ofrecer un conxunto de respostas baseadas nos clichés do xénero, ofrecendo, tamén, imaxes icónicas de gran potencia (non só visual) e articulando un discurso a prol da preservación mutua que podería ilustrar con precisión ese "devir-con" harawaiano do que falaba ao principio.
Antonio Doñate te absolve.
ResponderEliminarAmén entón
ResponderEliminar