Durante 2010 produciuse unha vaga de suicidios na macrofábrica de Foxconn na cidade de Shenzen (China): 18 traballadores trataron de quitarse a vida, conseguíndoo 14 deles e quedando con graves secuelas os 4 restantes. Con 1.4 millóns de empregados, Foxconn é a marca principal do maior fabricante de compoñentes electrónicos do mundo, Hon Hai, producindo toda a gama de produtos de Apple, a PlayStation de Sony, os ordenadores de Dell e Hewlett-Packard e todo o que poidamos imaxinar para Amazon, Cisco, Google, Microsoft, Motorola, Nintendo e Nokia. A fábrica de Shenzen emprega a 350.000 traballadores en 3 quilómetros cadrados de terreo pagándolles, no mellor dos casos, uns 500 euros por 60 horas semanais de traballos repetitivos e inesgotables na liña daquelas cadeas de montaxe satirizadas con tanta lucidez por Charles Chaplin en "Tempos Modernos".
Neste libro da editorial Virus aparecen relatadas en primeira persoas as experiencias de varias traballadoras da fábrica de Shenzen, así como varios poemas dun dos suicidas, Xu Lizhi, recolléndose tamén a historia da marca e do seu fundardor e a política económica china que, na práctica, tradúcese en dar absoluta liberdade a estas megafactorías para facer o que consideren necesario para desenvolver a súa actividade. Aínda que China ten sindicados uns 293 millóns de traballadores, na práctica son as propias empresas e as administracións locais as que controlan os sindicatos desactivándoos completamente na súa labor de defensa dos dereitos dos traballadores.
Sabemos que detrás das brillantes pantallas dos nosos gadgets tecnolóxicos agóchase unha masa descomunal de traballadores en réxime de semiescravitude. Temos, como moi ben di o agora mesmo desprezado Zizek, unha "falsa conciencia iluminada" mediante a cal o coñecemento das consecuencias dos nosos hábitos de consumo non altera estes no máis mínimo. Este libro pon nomes ás persoas que están detrás da fabricación dos nosos portátiles, tablets, móbiles, consolas ou cámaras dixitais e apunta á esixencia das grandes multinacionais da electrónica e a informática como responsable última das condicións laborais dos seus traballadores. O sistema just-in-time ("quero un millón de ipads para xa") coa súa necesidade de aumento continuado da produtividade puxa sin pausa ao réxime entre militar e escravista que goberna nestas megafactorías, dando como resultado unhas condicións de traballo totalmente inhumanas.
Entre as solucións delirantes que se puxeron en práctica para evitar os suicidios eu atopo dúas especialmente grotesca: por unha banda un exército de psicólogos que, ante calquera indicio de ánimo baixo denunciaban ao traballador á dirección, e, por outra, a instalación de redes inmensas para evitar que ninguén se tirara dos tellados.
Gustoume especialmente o posfacio do libro, a cargo da filósofa francesa Célia Izoard -célebre e lúcida neoludita contemporánea-, do cal deixo aquí este parágrafo:
[...] ás clases medias urbanas mundializadas -infinitamente menos anguriadas polos problemas de supervivencia e idiotizadas polo calidoscopio dixital- tócanos deixar de seguir sumándonos a este modelo e repensar a materialidade da nosa existencia. Comezando por un exercicio de imaxinación: e se o conxunto de infraestruturas necesarias para a produción de tódolos ordenadores, televisións, iPads, cámaras fotográficas, teléfonos que empregamos foran relocalizadas nos nosos territorios? Vexamos: minas de terras raras, de ouro, de cobre e de estaño; instalacións petrolíferas, fábricas químicas, construción de novas centrais eléctricas, multiplicación de extraccións de auga, fábricas de circuítos electrónicos e de ensamblaxe, verteduras tóxicas en cada etapa da produción. Mirar isto de fronte, non perdelo de vista, acaso non é un requisito indispensable en calquera reflexión sobre a "liberdade", a "autonomía", a "solidariedade" e a "creatividade" que, supostamente, debe verse incrementada grazas a todos eses obxectos?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario