Estás lendo

Eleccións municipais 2019

O vindeiro domingo 26 hai eleccións municipais (e europeas, pero iso é outro tema, máis deprimente). Na miña cidade, Vigo, será a ocasión para que o actual alcalde, Abel Caballero, acade unha maioría absolutísima, refrendando así a súa forma de entender a política: decimonónica no fondo e profundamente posmoderna nas formas.

O esquema base do seu éxito consiste principalmente na combinación de cesarismo de cara amable e espectáculo autoparódico. O noso rexedor practica unha variante contemporánea da gobernanza consistente en a) ter un control case absoluto de todos os resortes que dan soporte ao poder (principalmente o control dos medios de comunicación locais e a desactivación de calquera disidencia interna organizada) e, b) caricaturizarse de forma habitual no exercicio de tal poder absoluto. Esta estratexia calculada remite a outro dos alcaldes máis tristemente célebres da historia recente da Galiza, o Paco Vázquez que gobernou de forma semellante a cidade da Coruña entre os anos oitenta do século pasado e a primeira década deste. O culto á personalidade aparece aquí como eixe central de ambas formas de entender a política. Pero, se no caso de Paco Vázquez este culto encaixaba dentro dunha modalidade digamos "moderna" de entender o papel dunha figura pública -dunha autoridade-,  no caso de Abel Caballero articúlase arredor do autoparódico e do bufonesco, ambos, hoxe en día, marcadores de "autenticidade", o cal ven sendo a maneira contemporánea de designar o "verdadeiro".

O triunfo abraiante dun personaxe destas características é sintomático da deriva colectiva de toda unha vila. Máis alá de políticas e actuacións concretas, o salientable destas tres lexislaturas -e da cuarta que xa se albisca-, é a concepción do político que comparten gobernante e gobernados. Unha réplica institucional do papel tradicional do pai de familia (o soberano schimttiano): unha figura que sabe o que é bó para os fillos/cidadáns, os cales, menores de idade permanentes, precisan dunha autoridade, dunha tutela, que os conduza sen preocuparse polas súas opinións. Abel Caballero ven sendo ese pai autoritario posmoderno que, simultaneamente, goberna a vila coma se fora unha cidade-estado renacentista, mentras non ten problema en concitar a risa allea a partir da súa autodenigración pública. A democracia só ten sentido, neste esquema, como mecanismo lexitimador cada catro anos da súa tarefa cesarista. Tras a máscara bufonesca e a cara amable do político hiperubicuo que sempre-saúda-aos-veciños late, pois, unha pulsión autoritaria que se manifesta en todos os frentes do seu goberno e que non é máis que a marca xeracional de certa clase política hispánica educada nas turbias augas da transición "á democracia" dos setenta do século XX.

Sumemos a esta concepción local o contexto económico actual. Con todas as cidades do planeta competindo por ser marcas globais capaces de posicionarse nun mercado mundial no que so se aceptan poxas á baixa (no fiscal, no laboral e no social), o goberno dunha vila mediana-tendendo-a-pequena nun recuncho na periferia da periferia europea está obrigado a botar man de recursos mercadotécnicos agresivos para posicionarse con claridade. Desbotada a opción complicada -destacar por ser modelo de goberno realmente democrático e apostar por plantarse fronte ás lóxicas neoliberais dominantes- so queda xogar a partida do espectáculo. E aí está o punto forte deste alcalde. Shows a conta da iluminación de nadal, carreiras multitudinarias cheas de cores, monumentos públicos vocacionalmente kitschs, millóns de euros invertidos en promoción turística da cidade, apelacións constantes a ese sentimento chamado "viguismo", enfrontamentos coa Xunta de Galicia a propósito da conspiración desta contra a cidade, postas en escea valleinclanescas de calquera evento que teña lugar e proclamas constantes de que esta modesta vila galega xoga na champions das megalópoles planetarias. O repertorio é inagotable. E a sintonía cos tempos é absoluta. De aí o apoio xeral dunha cidade antaño referente das loitas obreiras e hoxe orgulloso estandarte dos modos de vida desa entidade semificticia que coñecemos como "clase media".

Así pois, o noso alcalde, político e economista mediocre, showman sen control dos seus propios recursos e gobernante con ínfulas cesaristas sabe perfectamente que a súa é unha cidade na cal a suposta pertenza dos seus habitantes á "clase media" é xa un elemento identitario troncal, e, polo tanto, todos os seus esforzos están orientados a alimentar ese mito, a confirmalo de forma continuada, a reafirmar unha pertenza que ninguén parece disposto a cuestionar. Mentras o show funcione así de ben engrasado todo seguirá igual. Polo tanto a única opción que lles queda ás forzas da oposición -de esquerdas e galeguistas, claro- será comezar a pensar o post-abelismo. Ese momento dentro de catro ou oito anos no cal o baleiro que vai deixar a figura do actual rexedor debería permitir un cambio substancial. Para iso cumprirá erosionar o modelo dominante dende abaixo, presentando á cidadanía a contraface desta maneira de gobernar, as posibilidades que outra política antagónica da actual pode ofrecer aos cidadáns, tanto no plano simbólico como no material. A tarefa é inmensa. Desmontar o imaxinario imperante vinculado ás lóxicas neoliberais e do espectáculo semella ser unha cuestión máis que complicada. Así que, imaxino, haberá que poñerse mans a obra, aunar forzas, trazar estratexias e alianzas, e enfrontar as necesidades habituais. Estas, tan complexas e esgotadoras que fan das esquerdas protagonistas permanentes do contemporáneo mito de Sísifo no que estamos atrancados dende fai tanto.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.