Estás lendo

Killian Fritsch

Vendo o documental “No Intenso Agora” de Joao Moerira Salles, descubro a figura de Killian Fritsch, unha desas innumerables notas a pé de páxina engadidas ao relato da Historia. “No Intenso Agora” mestura as memorias persoais de Salles en forma de gravacións familiares en super 8 que recollen as viaxes polo mundo dunha nai adiantada ao seu tempo (en especial pola China de Mao) co relato histórico -a partir de found footage pouco coñecido- dos feitos acontecidos no maio do 68 parisino e na primaveira de Praga. Killian Fritsch foi un estudante de enxeñería metido a publicista e lector de Marx e de Karl Korsch. Xunto co seu compañeiro de axencia Bernard Cousin (falecido en 2018) ideou o lema “debaixo dos adoquíns está a praia”, un dos grandes hits do momento e, posiblemente, a frase que condensou, coa eficacia que so é posible dende o mundo da publicidade, o zeitgeist da época. Despois deses meses nos que parecía que o capitalismo ía a reventar en Francia e que o propio de Gaulle pasaría a ser historia antes da chegada do verán, Killian viviu dous anos coa resaca deses anos de intensidade máxima incapaz de adaptarse á volta á normalidade que seguiu.

Busco en google e apenas atopo nada sobre el, nin siquera unha fotografía borrosa que me permita poñerlle unha cara a ese home capaz de sintetizar con tanto éxito -de forma tan superficial, polo tanto- o que estaba a acontecer no maio do 68. Pregúntome que tal levaría o de ser publicista e marxista nun tempo no cal a publicidade comezaba a ser a maquinaria necesaria para soldar  desexo e consumo como elementos claves na lóxica da acumulación capitalista. Que lle pasaría pola cabeza despois da súa contribución a esa rampa de lanzamento da posmodernidade que foron as revoltas parisinas do 68. No fondo, en Killian Fritsch atopo unha imaxe especular e prototípica de moitos de nos, habitantes dunha clase media en extinción posuídos por intensas convicións internas acerca do mundo no que querriamos vivir, que, porén, non nos impiden levar unha vida case completamente acorde co que o sistema neoliberal reclama de nos. En Killian Fritsch podo situar unha referencia clara da xestación desa distancia cínica coa a propia existencia, dese empeño por preservar unha interioridade desertora capaz de convivir cuns hábitos que simplemente fornecen o-que-hai cada día da existencia.

Killian suicidaríase con apenas 30 anos en 1970 tirándose ás vías do metro na estación de Gaité (“Alegría” en francés), nun paso ao acto que, posiblemente, daba conta dunha insatisfación profunda, dunha fenda insalvabable entre pensamento e vida definitoria dos tempos que estaban chegando. O feito de suicidarse nunha lugar con ese nome delata a necesidade de deixar constancia dun desacougo imposible de superar e, ao tempo, de facer unha especie de xesto irónico definitivo, unha performance final á altura da súa frase insuperable.

Rebuscando en internet cun pouco máis de profundidade poden atoparse entrevistas ao seu compañeiro Bernard Cousin -a quen agora mesmo atribuéselle de forma “oficial” a paternidade da frase-, algunhas referencias ás adicións de Killian como fonte da súa motivación suicida, incluso libros recopilatorios coas frases e grafitis do momento nos que aparece o seu nome puntualmente. A cuestión é que, realmente, baixo os adoquíns nunca houbo praia algunha nin posibilidade de tal cousa. Esa era a gracia do lema. A promesa dun imposible de tintes case fantásticos baixo a capa da normalidade máis gris. Como agora, calqueira promesa do capitalismo no que respecta á liberación dos nosos desexos e á posibilidade de levar unha vida merecedora de tal nome é pura fantasía. Marketing para suicidas no cal seguimos caíndo.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.