Algunhas notas sobre a esterilidade do futuro
Natura, a última obra publicada da escritora Iolanda Zúñiga, aparece ante nos, en principio, como unha hábil combinación -en termos temáticos- dos tropos desenvolvidos en dous clásicos da narrativa distópica máis ou menos recente, O conto da criada de Margaret Atwood (1985) e A estrada (2006) de Cormac McCarthy. A apocalipse medioambiental, a necesidade de sobrevivir nun planeta arrasado e a instrumentalización do corpo das mulleres son os eixes que articulan o contido desta novela. Porén, por riba desta substancia narrativa, a novela dispón tres capas diferentes que funcionan reforzándose mutuamente ao longo de todo o relato. A primeira das capas é a da linguaxe, unha aposta por un rexistro poético salpicado de terminoloxía científica especializada. O ritmo interno dos parágrafos xunto ao uso de repeticións e aliteracións continuadas remiten, pola súa banda, a unha voz en estado de trance, a unha voz que describe e enuncia si, pero que tamén semella estar recitando de continuo, unha que referencia o cantar de cego, a poesía épica grega ou mesmo a prosodia do rap contemporáneo. A segunda capa é a da reflexividade da voz que fala. De forma continua, un rexistro literario máis propio do ensaio entrecrúzase coa expresividade derivada da modulación poética anterior. Coma se fora un artigo do Enviromental Humanities, a busca dunha perspectiva case sociolóxica que prime unha descrición máis obxectiva domina gran parte da narración. A súa alternancia coa voz poética dota de orixinalidade ao conxunto e fai que cada capa potencie o efecto da outra nunha realimentación constante. Por último, unha intención política permea todas as páxinas do libro. Se a ciencia ficción distópica é sempre un comentario sobre o noso presente, Natura leva ao extremo esta premisa: a crise medioambiental, a problemática das migracións masivas, a instrumentalización do corpo das mulleres ou os reximes totalitarios que aspiran ao control total das vidas coa excusa do futuro son algúns dos temas que se articulan ao longo do libro. As tres capas anteriores definen expresión e temática, estruturando e dando contido a unha voz que non sabemos ben dende onde fala pero que se modula según a necesidade adoptando un ton que ás veces é apocalíptico, outras intimista, e, en ocasións o son dunha especie de dispositivo sen corpo que se limita a rexistrar acontecementos.
O conxunto flúe con vigor, nunha riada de acontecementos que se acugulan sen dar tregua, para amosar o nihilismo que virá, un que rebasa o existencial para acadar o nivel do esencial. O futuro que se expón en Natura ten borrada a dimensión renovadora que vai asociada á morte. Non hai ciclo da vida xa neste tempo, quedando o mundo, tras o Armageddon medioambiental, reducido a un mero soporte inerte e estéril incapaz de albergar nada que non sexa unha sorte de expresión mineral do existente. Esta esterilidade desprégase en varios planos, dende o persoal ata o político e o social. Ao liquidar a natureza na que vivimos mergullados como seres humanos, dinos Iolanda Zúñiga, o que estamos a facer é liquidarnos a nós mesmos e a calqueira posibilidade de idea de humanidade. Non hai, pois, futuro sen natureza, e calqueira pretensión de remplazo tecnolóxico é unha calella sen saída, unha aposta por un mundo no cal non quedará sitio nin siquera para a morte.
A peripecia da protagonista, unha supervivinte pese a todo, está recollida cunha delicadeza que non exclúe momentos de intensa crueza, en especial os referidos ás vicisitudes do corpo. A experiencia feminina adquire unha importancia crucial no relato, como se o dano infrinxido á natureza estivera simbolizado e concentrado no corpo da protagonista. Esta equiparación entre muller e natureza é especialmente interesante ao ser o organismo feminino o lugar onde se decide a supervivencia da especie, ao igual que é a natureza como sistema a depositaria do futuro de todo o existente. Hai un latexo feminista que atravesa toda a narración. Non adquire expresión en forma de manifesto pero determina as reflexións da voz que conta a historia, voz que sinala responsabilidades e que determina a culpabilidade das accións persoais e colectivas. Na novela achegámonos a eses corpos das mulleres reducidos á meros recipientes para a reprodución e non podemos evitar relacionar esta condición cos intentos contemporáneos de legalizar cousas como os ventres de aluguer baixo o nome de "xestación subrogada". A potencia política do relato cristaliza na exposición de situacións de este tipo nas cales o contexto distópico bota luz sobre a nosa propia época con lucidez, unha luz que presenta a tonalidade dunha certa desesperanza, dun certo esgotamento pola tendencia do existente a ir a peor a gran velocidade.
Publicar un comentario