É 11 de decembro. O outono, coma unha alucinación froito dunha enfermidade infecciosa das que dan febres altas, esváese aceleradamente. Nos nosos móbiles e tablets e smarts tvs e reloxios intelixentes e roombas e drons e frigoríficos e lavavaixelas conectadas 24/7 xa é Nadal dende fai semanas. Tamén nas rúas da miña cidade, Vigo, onde a tolemia megalomaníaca do alcalde aspira a que a cidade compita co sol en materia de iluminación, fai tempo que xa estamos nese momento do ano en que unha melancolía sorda de raigame infantil bombea caudais de euros á economía global coa excusa do amor ilimitado pola humanidade. Repartidores de Amazon en precario patrullan as rúas repartindo ilusións en tempo real. Repartidores de Glovo, de Deliveroo, de Just Eat, dun milleiro de empresas de comidas a domicilio entregan alimentos mal cociñados a mans exhaustas. Os patinetes eléctricos silban ao noso arredor como frechas híbridas de carne e metal sorteando xente como se foran esquiadores nun slalom interminable. Entre o tumulto que se arremuiña nas rúas hiperiluminadas un adiviña, en paralelo á emerxencia do inverno meteorolóxico, a onda longa do inverno afectivo e dos picos de malestar correspondentes aos máximos da anomia social. Un tamén enchóupase na sufocante sensación de asfixia procedente das esferas da política e da economía e dese falso osíxeno subministrado polos millóns de bombillas LED que teñen invadido o ceo da cidade. Hai un fío musical que non escoita ninguén e que se confunde co ruído das motos de escape libre e co rebumbio do tráfico pesado formando unha masa sonora que non escoitamos xa pero que vai erosionando o noso sentido do oído paseniñamente. Nas paradas dos buses as pantallas dos móbiles compiten co alumeado de Nadal e as facianas da xente que remata as súas xornadas laborais as sete, as oito, as nove ou de aí en adiante reflíctense nesas mesmas pantallas devolvendo aos seus donos a imaxe de alguén sometido a un proceso de demolición interminable. Vou subido no circular 1 na parte de atrás, pegado a algo, que, pola súa temperatura, debe ser o motor do bus. Fai calor e cheira a gasoil. Quero chegar a casa porque escurece e a miña propia noite resoa coa noite exterior. A viaxe non é moi longa pero dá tempo a ensimismarse até case pasarse a propia parada. A sensación, de feito, que percorre o bus é de que case todos alá adentro estamos permanentemente a piques de pasarnos a nosa parada. A piques de rematar nalgún sitio imprevisto abandoados en metade da noite.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario