29 de abr. de 2015
Nightcrawler (2014), Dan Gilroy
Sabemos do estraño efecto que produce achegar unha cámara a algo que está vivo. Sabemos da distancia que xera este xesto e da sedución consecuente á que dá lugar. Mirar algo a través da mirada desoutro artificial xera un movemento que nos despraza simultaneamente en dous sentidos contrarios: por unha banda nos desapegamos do que estamos a ver, por outro quedamos enganchados á pura fisicidade do reflexo luminoso sen case darnos conta. Así, o real da vida filmado en cru fai que nos desentendamos das circunstancias daquilo que está a ser gravado e quedémonos coa apelación sensorial pura e dura. Perdemos algo relacionado coa nosa humanidade á vez que babeamos como adictos en pleno subidón.
A película de Dan Gilroy vai de todo isto.
Para iso centra o seu foco na figura dun psicópata -o típico tipo aparentemente normal- sen raíces nin historia. Unha figura extrema que, dado o esquematismo das súas coordenadas morais, máis parece a forma carnal dunha idea que un personaxe ao uso, coas súas contradicións e incoherencias. Este protagonista, Louie Bloom, interpretado excelsamente por Jake Gyllenhal, está feito dunha peza: un pedazo de mármore emocional cincelado a medida por unha sociedade que necesita de tipos como el para manterse en pé.
A película segue a peripecia desta idea andante disfrazada de xornalista de sucesos. A lóxica do beneficio económico á conta da desgraza allea impón regras moi estritas que o protagonista segue escrupulosamente. Coma se se tratase dun monxe dunha orde de sociópatas, o seu regulamento e o seu peculiar código de conduta o emparentan con Driver, o protagonista de "Drive". Fronte ao carácter ético dos actos deste, a perseverencia que demostra nos trazos básicos da súa personalidade -que se intúen ao principio, despréganse con rotundidade a medida que avanza a metraxe e condúceno a situacións inverosimis finalmente relaciónano xenealógicamente co Travis Bickle de "Taxi Driver". Xunto a eles comparte, ademais, unha vida en continuo desprazamento. Louie, como bo fillo do noso tempo, non sabe o que é un fogar, e, aínda que durme nun piso de cando en vez, só parece estar a gusto no seu coche. O automóbil é o seu refuxio e o seu lugar de traballo. Nel leva o seu equipo de filmación e nel dá leccións ao seu axudante. Hai, ademais de Travis Bickle e Driver, un terceiro personaxe que se nos vén á cabeza de forma recorrente: o Jordan Balfour de "O lobo de Wall Street". Louie é un emprendedor. Un crente na capacidade do individuo para saír adiante por si mesmo a calquera prezo. E a calquera prezo significa "todo é válido se é bo para o negocio". Louie é un autodidacta que aprendeu lendo en internet. Está empapado da lóxica do emprendedor e dos manuais de autoaxuda para estes. Carece de sentimentos, de referencias éticas e de nada que lembre vagamente que é un ser humano capaz de sentir algo por outros seres humanos. En certo sentido é a encarnación do soño americano levada ás súas últimas consecuencias.
O ritmo da película vai da man do éxito progresivo de Louie. Lento ao principio, esmerándose en mostrar os detalles do duro comezo, rexistrando de paso a noite angelina con precisión e elevadas doses de beleza lo-fi. Con moitos puntos mortos que recollen a capacidade de Louie para esperar ese algo que faga dunha noite normal unha gran noite: un tiroteo con mortos, un accidente múltiple de coche, un atraco con reféns. Moderado a medida que Louie vai sendo imprescindible para a cadea local de TV á que entrega as súas cintas de desastres nocturnos, encadeando planos de desgrazas e feridos, de xente mutilada ou de vehículos esnaquizados. Furioso na parte final, na que Louie alcanza o grao de mestre do seu, de demiurgo que non só rexistra a realidade, senón que a crea para poder rexistrala.
E é esta parte final, desatada e embarcada nun crescendo imparable, a peor do filme. Todo o exercicio previo de construción do protagonista, do seu ambiente e das súas singulares relacións, rebenta polo aire ao forzar os límites da propia historia, ao saírse das regras que a propia lóxica interna do relato trazara con firmeza. Tres cuartos de película magníficos enterrados por un último cuarto excesivo na súa inverosimilitude, descontrolado e forzado máis aló das propias necesidades da narración.
Capítulo aparte merecen a construción da relación do protagonista coa directora de informativos da cadea de TV local (magnífica Rene Russo) que este entende como parte importante da súa política empresarial e o vínculo co seu axudante e compañeiro de peripecias nocturnas, vítima dos discursos de Louie sobre emprendimento e mellora individual.
Película notable, por tanto, chafada por unha banda final que esnaquiza todo o bo construído previamente e que lanza unha mensaxe clara: os medios de comunicación contemporáneos necesitan de psicópatas como Louie Bloom, xente capaz de non alterarse ante dilemas éticos ou morais cando o que se trata é de aumentar as audiencias e de dar espectáculo coa desgraza allea a calquera prezo. Psicópatas que alimentan audiencias que alimentan medios que alimentan psicópatas. Bonito círculo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario