"Aquí estou", parece dicir a figura estraviada e lixeiramente alucinada de Bruce Dern nos primeiros planos desta película, camiñando pola cuneta dunha estrada. "Aquí estou, no final da miña vida, sen ter comprendido nada, sen saber que foi todo isto que pasou voando nestes 70 anos". E dese non-saber semella ir todo. A vida como deriva que ten unha coda final na cal ese vagar substánciase nuha derradeira viaxe ridícula con visos de tolemia. Un traxecto que é metáfora de décadas e que toma a parte como caixa de resonancia dun todo levemente catastrófico, tembloroso, doente. Bruce Dern da corpo a un vello -semialcohólico e malhumorado- que emprende unha viaxe para cobrar un diñeiro que non existe acompañado do seu fillo pequeno (Will Forte, actor estadounidense encasillado na comedia de trazo groso), pasando no camiño pola súa cidade natal na cal verase obrigado a enfrontarse ás peticións de vellos amigos e familiares semiolvidados que cren que realmente voltou millonario á súa vila natal.
Todo isto rodado nun austero branco e negro que elude calquera tentación de malditismo, de miserabilismo ou mesmo de recreación do agotamento inherente á idade. O protagonista non inspira piedade nin compaixón, está ollado dende un punto de vista que tende a un naturalismo baixo control no cal non cabe a mirada condescendente, o interludio melodramático, a apelación ao recurso sentimentaloide capaz de disparar respostas automáticas nun espectador moldeado por doses elevadas de manipulación emocional e kistch.
A película funciona en dúas direccións diferentes. Por unha banda, trazando meticulosamente a descrición da relación entre pai e fillo (polo medio, e de forma un tanto anecdótica, a presenza dun hermano maior exitoso, dunha nai todo carácter). Por outra, o retrato dun entramado familiar e social concreto: o dos habitantes dese medio oeste estadounidense que se moven dentro das coordenadas de certo tecido humano que asiste atónito á desintegración dos vellos lazos sociais e á desaparición da idea de comunidade inherente a esas vilas nas que a combinación de desemprego e hiperindividualismo de corte neocon dá lugar a novas xeracións de rapaces brutais e desarraigados, incapaces de dar conta da súa situación vital mentras viven entregados a esa condición doble de parásitos familiares e víctimas colaterais das desfeitas dun sistema inhumano.
As mellores esceas, as máis memorables, teñen lugar no seo dunha reunión familiar de círculo amplio: irmáns, primos e sobriños que levan décadas sen verse, desligados uns dos outros e completamente incapaces de dicirse nada. En particular, un increíble tableau vivant de doce persoas ollando para a televisión nun plano fixo de case cinco minutos nos que non se din máis que dúas frases, sintetiza todo un estado de ánimo colectivo, toda unha cosmovisión distópica consumada na que non caben outra cousa que o autismo emocional, a incapacidade de relacionarse e un apego incrédulo a vellas cerimonias nas que se participa máis por inercia que por convicción. Esta escea concreta, rodada con extras procedentes dos pobos reais que visita o protagonista na súa viaxe convírtese no climax inesperado dunha película anticlimática por definición.
A cámara de Alexander Payne gusta dos planos fixos e das panorámicas con gran profundidade de campo. Enmarcados nelas, os protagonistas semellan ser pouca cousa ante a paisaxe, fundidos e confundidos nela. Porén, cando se xuntan tecendo laboriosamente unha paisaxe humana, tenden a encher o plano, a abarrotar o encuadre nunha acumulación de corpos que apenas interaccionan entre eles, partículas elementais dunha estrutura da que xa so quedan refugallos absortos no seu propio naufraxio. O contraste entre a magnificiencia das panorámicas dunha natureza que se presinte infinita e a claustrofobia das habitacións e salóns saturadas de humanos desconectados xenera unha dialéctica singular. A magnificiencia da paisaxe versus a insignificancia dos seus poboadores. Entre ambos eses pobos que son ruinas contemporáneas sen apenas historia, compostos a base de gasolineiras, supermercados, resturantes de comida rápida, wal-marts e outros templos onde se celebra diariamente a consagración do capitalismo e a vida nese inferno que son as nosas sociedades contemporáneas para a gran maioría dos desgraciados que viven no límite da supervivencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario