Coma sempre, as novas importantes chegan con retraso ao meu planeta. Resulta que fai un par de días morreu Alex Chilton, o home tras o nome Big Star. Buscando na wikipedia atopo que o home tiña sesenta anos. Novo para a esperanza de vida occidental, vello para alguén que lle canta ao namoramento aos trece anos ou ás rapazas de setembro. Debe de haber algo enfermo en levar seis décadas andando polo mundo e que a xente reclame unha e outra vez as cancións coas que, recén saído da adolescencia, un pensaba conquistar o mundo enteiro, isto é, os corazóns de todas as persoas. Chegar a cada novo ano é unha experiencia cada vez máis chocante e máis banal. A repetición aniquila o lamento existencial, pero a ollada ao calendario rememora os instantes de conta atrás. Quizais "september gurls", "Ballad of El Goodo" ou "Nightime" sexan mellores cancións, pero para o meu raquítico coñecemento musical, "thirteen" é Big Star. Unha canción de letra idiota capaz de conmoverme con violencia: a esencia da música pop, a estupidez do estar vivo como material para trascender a propia existencia. O gusto por eses recantos do banal no que un pode atopar signos dunha iluminación posible. Sesenta anos e corenta deles cantándolle ao amor adolescente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario