a década deprimente
Morre o 2009 e nós imos con el. Os números redondos parecen levar asociado algún tipo de taumaturxia que nos volta idiotas. A min paréceme que as torres xemelgas caíron antonte e non no 2001, que este blog o comencei fai unhas horas e non no 2002, que o prestixe provocou unha erección cidadá seguida dun gatillazo monumental fai unha hora en non no 2003, que o 11-M e o final do aznarato foi fai media hora e non no 2004. Non sigo porque a melancolía é reaccionaria e meter na mesma lista as catro cousas anteriores só amosa a profundidade da miña deriva, dese desvarío que chamo a miña vida normal. Ao meu arredor a xente asentouse no que é. Aprecio unha sedimentaciómn xeralizada, un persistir no que-un-é. Os erros elevados ao rango de características definitorias da persoalidade. Os acertos encumbrados como expresións dunha racionalidade vitalista. Ao meu arredor, a psicoloxía devén xeoloxía. Vivimos en estado mineral. Somos invulnerables ao desarreglo do mundo. A comodidade é a nosa droga. Somos adictos á anestesia. Polas noites hai algo que me afoga con suavidade. Á altura dos pulmóns, correntes eléctricas microscópicas tratan de lembrarme que hai evidencias científicas de que estes dez anos estiven vivo. Desa maneira da que me sento avergoñado. Desa maneira que, finalmente, é a única maneira na que seguirei vivindo entre a vergoña e o pracer culpábel. Polas noites presinto ese sedimento que resulta imperceptible no día a día. Esa acumulación silenciosa que vai medrando mentras nos facemos pequenos e invisibles sin querer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario