5 de out. de 2009

fragmentos para unha non-ética das relacións persoais. I: o contacto cos demais
1. Para superar o medo escénico, faga teatro. Esaxere os xestos. Faga inflexións coa súa voz todo o radicais posibles. Mova as mans e os brazos como se estivera baixo os efectos dunha electrocución. Compórtese como Hugh Grant en "remando al viento", ou mellor aún, como Jim Carrey en calquera película de Jim Carrey, ou se é posible, copie todos os tics faciais de Hugh Laurie en House.

2. Para superar o medo ao silencio, ríase moito e en voz moi alta, en especial cando o silencio amenace a barreira dos cinco segundos. Que pareza que lle acaban de facer unha operación de cordas vocais con inxección de botox na larinxe. Berre a alguén que pase cerca a intervalos de trinta segundos. Fale espasmódicamente mentras repite "xenial", "qué forte", "eu e que flipo". Se é posible, saque temas de conversa continuamente e déixeos todos a medias. Se o seu interlocutor insiste no silencio, fuxa.

3. Cando alguén quera falar en serio con vostede, saque a ironía. Fágalle ver que nada é realmente importante como para poñerse a falar coma se pasara algo que merezca ser falado. Fágalle ver ao seu interlocutor que vostede é inmune ás confesións. Que non lle interesan. Busque temas de conversa insubstanciais e intente facer pasar as conversas sobre fútbol ou series de televisión como a cousa máis intelixente que poden facer dúas persoas no mundo.

4. Cando alguén pretenda dicirlle o enfadado que está con vostede, sonría moito. Páselle a man polo hombro. Cambie de tema con rapidez aproveitando os descuidos da persoa alporizada. Faga como que o seu cabreo con vostede é insignificante, unha ridiculez, unha cousa pequena coa que non merece perder o tempo. Fálelle do seu novo móbil. Do tempo que lle custou cambiar de operador. Do mal que están os servizos de telefonía móbil. Invente unha historia sobre unha teleoperadora arxentina que o tivo dúas horas para conseguir a portabilidade do seu número. Despídase con grandes mostras de afecto, como se fora a deixar ao seu mellor amigo diante dun pelotón de fusilamento.

5. Evite as chamadas telefónicas que sabe que o van a poñer en situacións comprometidas, como dar explicacións ou contestar a preguntas sobre vostede mesmo. Conteste os correos con moitos emoticonos. Reduzca a linguaxe ao mínimo, "ok", "falamos", "xa nos veremos", "se podo xa te chamo". Non chame vostede nunca. Nunca envíe SMS de máis de corenta caracteres. Non conteste aos SMS nos que lle preguntan como anda ou que tal lle vai. Teña sempre preparada unha plantilla co texto "vou chegar ... minutos tarde". Teña senpre preparada unha plantilla co texto "non podo chegar á cita a tempo". Cambie de móbil con frecuencia e sen dar aviso a case ninguén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario