summer paranoia (e IV)
X. O ministerio de non sei que pretende que unha fundación afín ao Opus Dei peche una páxina web supostamente educativa por sexista. A tal páxina, fundamentalmente, é unha apoloxía dun tipo de educación que xa estaba resesa nos anos cincuenta do século XX. Ese peche que pretende o ministerio de turno supón o de sempre: os cidadáns somos unha banda de descerebrados que precisamos unha tutela permanente pola nosa incapacidade de pensar por nós mesmos. Non é mellor que toda esa ideoloxía de baratillo esté exposta publicamente para poder rebatila, facer coña dela, e situala no seu lugar en vez de adoptar a postura preventiva tan cara aos ministerios de non-sei-que que consiste en pechar-censurar-eliminar?
XI. Acerca de eta: teñen táctica de guerra, pero non estratexia política. No plano militar o balance de forzas está contra eles. Á súa renuncia ao ideolóxico e ao político os leva cara unha auto-destrución previsíbel. Son un residuo de violencia premoderna na era da pospolítica, violencia espectacular e mediática -o único que semella importarlles- pero inoperante e ineficaz. Violencia ao servicio de ninguén, só da propia violencia. Matar só lles serve pra poder seguir matando. Nesta tautoloxía hai un ensimismamento siniestro no cal está ausente o principio de realidade. Nesa ausencia está a semente da súa propia desaparición: non saben en que mundo viven e non saben da súa condición de residuo. Nos dous sentidos da palabra, claro.
XII. Os primeiros días das vacacións neste pobo mediterráneo atopamos uns rapaces que vendían cunchas e ourizos de mar secos no paseo principal da vila aos turistas máis despistados. O que empezou sendo un xogo gracioso protagonizado por un par de nenas espabiladas con moito tempo libre, de súpeto voltouse tendencia entre a rapazada: unha ringleira de nenos de entre cinco e dez anos vende dende as citadas cunchas (xa en decadencia) ata gafas de sol dos chinos, pasando por rochas pintadas con paisaxes típicas, cadros do peirao en pleno solpor e xoguetes de segunda man variados. O libre mercado é unha enfermidade infeciosa. A ansia de vender cousas é un reflexo adquirido ou unha tendencia innata? Danme medo eses rapaces que combinan o ocio veraniego coa vocación empresarial e a ambición financiera (xa vin ofertas de 3x2 en cunchas e ourizos por "liquidación de stock") con tanta naturalidade como os novos taveiróns que saen en masa das escolas de negocios dispostos a comerse o mundo. Claro que, ultimamente todo me da medo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario