Estás lendo

SONORA 07
Crónica dos concertos


Mércores 11
Abraham Boba + Micah P. Hinson

Tras o teloneiro -Abraham Boba, ao que non cheguei a tempo-, un entregado Micah P. Hinson fixo botar lume aos asistentes que se atopaban no Auditorio Roberto Vidal Bolaño. Comenzou o concerto case que despoxado de toda instrumentación, rasgando minimamente as cordas da súa guitarra para atacar varios dos temas do seu último disco “Micah P. Hinson and the Opera Circuit”. As versións ultracortas, delicadas e intimistas de estas cancións serviron de prólogo para un progresivo crescendo polo que foron desfilando todos os seus hits, os “antigos” e os novos: dont you, i´m digging a grave in the moonlight -esta especialmente eléctrica, rozando o anfetamínico na súa execución-, the possibilities, don´t leave now, beneath the rose, etc, etc. A súa voz, a dun fillo imposible entre Frank Sinatra e Kurt Wagner, cargada dunha sonoridade impropia nun mozo de vintecinco anos, chea de matices e recunchos, acadou o seu punto de máxima entrega chegando ao remate do show: unha estremecedora “patience” coa que pechou entre berros de ultratumba a actuación, e a belísima versión que fixo do “Suzanne” de Leonard Cohen que, case a capela e con todo o público co corazón parado, ofreceu como único bis. Dúas horas inesquencibles.




Xoves 12
The Wave pictures + Darren Hayman&The Seconday Modern.

Tampouco cheguei a ver aos Wave Pictures. No que se refire a Darren Hayman poderiamos dicir que o paso do tempo semella sentarlle ben a este song-writer de ácida mirada e vitriólico senso do humor. Se os seus discos con Hefner eran pequenas xoias de pop independente adicadas á busca do estribillo perfecto baixo un colchón de guitarras sincopadas e espasmódicas, o seu último feixe de cancións amosa unha evolución cara un pop-rock máis musculoso. O mozo ferido por mil historias de amor imposibles voltou rabioso ao escenario e agora sustituiu as pezas cuasi-perfecta de tres minutos por temas máis contundentes, con intimidantes liñas de baixo e unha guitarra eléctrica emporcada de distorsión que producen o contaxioso efecto de poñer a mover o esqueleto compulsivamente. Moitos anos despois do seu concerto en Vigo (na sala “la Iguana”), podemos afirmar que Hayman conserva intacto o seu talento como compositor tendo mellorado considerablemente o nivel dos seus directos.



Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.