14 de nov. de 2004

nunca máis: dous anos despois
no serán do sábado 13 achégome a santiago para participar na convocatoria da plataforma nunca máis para continuar coas protestas xurdidas dende a que foi a maior catástrofe ecolóxica na historia de europa;

¿por qué estaba alí? a pregunta é boa; dende logo por fidelidade á miña propia memoria, pero tamén por algo máis sinxelo: o resto dunha ira que aínda non está apagada, a necesidade de dar corpo a un latexo sordo, a un cúmulo de preguntas sen respostas: ¿porque non dimitiu ninguén? ¿porqué non caiu ningún alto cargo do seu posto? ¿porqué aínda segue sen haber barcos descontaminadores (creo que se chaman así aos que recollen os verquidos líquidos) nos portos galegos? ¿porqué nos medios oficiais se fala do tema como se todo estivera arranxado? ¿porqué a xunta só fala desa cousa que naceu morta e que chaman "plan galicia", coma se fora un remedo folclórico do plan marshall? ¿porqué o goberno socialista non entra no fondo da cuestión: a determinación clara das responsabilidades individuais e oficiais? e así hasta a náusea;

todas estas preguntas -de resposta obvia- son as que me levaron a percorrer, baixo un ceo ameazante que amagou varias veces sen chegar a golpear, as rúas dun santiago valeiro de turistas, pero cheo dunha festiva indignación; no meu entorno case ninguén sabía do acontecemento, excepto h que estaba a traballar e quedou sen vir; marchei so, e, ao chegar a peaxe de santiago dixen para mi, isto rematou, non hai apenas coches (o peaxe da ap9 en santiago é o termometro que mellor mide a temperatura destas accións cidadás: a miña impresión era que a cousa estaba moi moi fría); sen embargo, esperando polo meu compañeiro do colexio x na alameda, observei que a cousa ía quentándose, lenta pero sostidamente, de xeito que para cando nos comenzamos a mover a cabeceira da manifestación xa doblaba a rúa do hórreo, e, para cando estabamos no zara da praza de galicia xa se iniciara o acto na quintana;

e alí, na quintana, a sorpresa final: non cabiamos; a organización, temendo o desastre dunha foto da praza do obradoiro semivaleira, decidira pechar cun acto na moito máis pequena quintana de mortos; pero calcularon mal, e moita xente quedou nas rúas contiguas esocitando aos participantes no acto sen poder velos; cando x e máis eu conseguimos entrar a cousa xa estaba rematando: tras o manifesto "vida" lido por xurxo souto, un inmenso carlos blanco -a súa figura pública vai facéndose en cada acto máis grande, con ese falar seu calmo, desencantado, inxenioso e extrañamente doce: el e e luis tosar son as caras e as voces do nunca máis-, facía o peche citando a monterroso "cando espertou, o dinosaurio aínda estaba alí" no intre no que un fraga mutante con pinzas de percebe en vez de brazos entraba pola quintana ao lombo da burla negra; unha actuación musical prescindible -un cantautor da terra que semellaba ter escoitado moito a mikel erentxun- serviunos de excusa para salir de alí; vin de refilón nunha esquina do escenario a manuel rivas, encantado cos actos: moi bó o seu artigo no país do sábado, foi o argumento definitivo para rematar coas miñas dúbidas sobre se ir ou non ir;

tras dar un pequeno paseo polo casco vello intentando ver nas esquiñas algún rastro da nosa mocedade sen éxito, rematamos tomando un chocolate no pepa loba, como se, recén cumpridos os dazaoito estiveramos a descubrir os infinitos recunchos desta pequena cidade; mágoa que despois do chocolate non nos esperaba o piso de estudiantes, nin un grupo de amigos para dar outra volta máis á vila das voltas interminables, senón a lengua escura da ap9 no seu traxecto descendente cara a vigo...

en fin, para unha crónica máis concreta aquí, para outra máis combativa acá, e quen precise TODA a información necesaria dende novembro de 2002 aquí a ten;

aínda que deixei a cámara en vigo, tirei unhas fotos co meu movil perralleiro:






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario