observo con decepción como todas as campañas electorais terminan por ser sempre o mesmo circo de promesas evidentemente falsas, descalificacións de reality-show de media noite e conexións en horario de máxima audiencia cos informativos das principais cadeas de televisión; mentras, o ambiente pola rúa, entre os cidadáns de a pe é outro moi diferente, alonxado da burbulla no que parecen instalados os nosos políticos dende que deu comezo a precampaña da precampaña; no medio do sentimento de fatiga no que nos envolve esta exhibición de foguetes avariados que é a campaña electoral, quero recuperar aquí algunhas reflexións de interese sobre a importancia de feito de votar máis alá de resignarse ás mentiras duns ou ás falsas promesa doutros; o extracto que segue está tomado do libro de Chantal Mouffe, O retorno do Político (ed. Paidós, en lingua castelá):
O compromiso fundamental para a reflexión política consiste en examinar como é posible [...] transformar ó inimigo en adversario. A este respecto poderá un inspirarse nas observacións de Elias Canetti, quen, en Masa e Poder indica como o sistema parlamentario explota a estructura psicolóxica dos exércitos en loita e escenifica un combate no que se renuncia a matar para adoptar a opinión da maioría á hora de decidir quen é o vencedor. Segundo el, "o voto segue sendo o instante decisivo, o instante no que un se mide realmente. É o vestixio do encontro sanguento que se imita de distintos xeitos, ameazas, aldraxes, excitación física que pode chegar aos golpes e o lanzamento de proxectís. Pero o reconto de votos pon fin á batalla."
E remata Chantal:
A política consiste sempre en "domesticar" a hostilidade e en tratar de neutralizar o antagonismo potencial que acompaña toda construcción de identidades colectivas. O obxectivo dunha política democrática non reside en eliminar as paixóns nin en relegalas á esfera privada, senon en movilizalas e poñelas en escea dacordo cos dispositivos agonísticos [os que transforman aos inimigos en adversarios] que favorecen o respeto do pluralismo.
É dicir, o voto e unha forma non só de escoller aos representantes das nosas inquedanzas sobre o tipo de sociedade que queremos, senon de dicir con claridade o tipo de sociedade que non queremos (algo que cando un prescinde de votar parece obviar sen darse conta). (Ai, outra cousa é a quen carallo votamos para semellante tarefa)
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario