27 de maio de 2023

Eleccións municipais 2023

 Mañá hai eleccións municipais de novo. Dende a perspectiva dese canódromo en que desemboca a política cando se reduce a mera contenda electoral, o can con máis posibilidades de gañar é o amado líder vigués, o Pablo Motos da política-show para o cal a única dúbida é saber se sacará 19, 20 ou 21 actas das 27 en xogo. Di o escritor de ciencia ficción Ted Chiang que a Intelixencia Aritificial é "un JPG borroso de toda a internet". Ás veces penso no alcalde desta cidade neses mesmos termos. Unha media aritmética dos desexos e esperanzas da cidadanía viguesa, máis hiperrealista que borroso pero igual de axustado ás esperanzas e ilusións medias desas supostas clases medias que viven nesta vila de tamaño medio. Unha media de medias que reflicte unha tristura contemporánea relacionada coa conformidade absoluta co-que-hai, unha situación de impasse entre a defunción do postcapitalismo e o xurdimento dese algo horrible que vai prefigurándose no horizonte como consecuencia da conxunción simultánea de varias crises solapadas.

O amado líder vigués, socialdemócrata polas mañás e neoliberal polas noites, que diría @ofunambulista (aka David Rodríguez), político criado no franquismo e economista postmarxista reconvertido a non-se-sabe-que, ten reducido a política local a unha sucesión de performances que, máis alá da vergoña allea que nos producen a algúns, resultan eficaces no seu propósito de non saírse do estreito carril da medianía, da mediocridade calculada e abrazada con alegría. A vella dimensión exemplarizante da política ten sido suprimida con violencia. O lema trumpista "a o conflito xenera atención, e a atención xenera influencia" ten sido aquí levado moito máis alá das súas premisas iniciais. Non so o conflito xenera a atención. O desleixo da institucionalidade reemplazada por shows vergoñentos produce unha simpatía estraña similar a que no circo se experimenta polo paiaso que cae e recibe tartazos unha e outra vez. A tontería hiperbólica xenera un espazo ambiguo no que un pode rirse mentras empatiza de forma algo enferma coa persoa que fai as estupideces. A area política, reducida a unha pista circense amplificada polos medios de comunicación e as redes sociais, é ocupada por unha figura que le correctamente as coordenadas emocionais e morais da nosa sociedade contemporánea. Ausente claquera proxecto emancipador ilusionante do horizonte da maior parte da cidadanía, e reducida a política a simple xestión do-que-hai e a promoción incesante da marca "Vigo", so nos queda contemplar con fatiga a perspectiva doutros catro anos máis do mesmo: "humanizacións" (beirarúas máis anchas, xardineiras por todas partes, tala de árbores), gastos descomunais en intervencións urbanas con moi pouco sentido, promoción turística incesante, victimismo localista fronte a unha Xunta de Galicia que aparece como a némese da cidade, e control absoluto dos medios de comunicación locais.

En fin, mañá toca outro episodio desa teleserie chamada "a festa da democracia". Disfrutemos. Yupi.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario