Escoito na radio (en Radio 3 concretamente) unha versión en modo trap da coñecida canción "Cadillac solitario" de Loquillo, pequeno himno sentimental dos que vivimos a adolescencia nos remotos anos oitenta. O ritmo lento que lle impón o autor, Chico Blanco, coa súa autotuneada voz declamando como se estivera recitando unha oración queixosa, xunto cun fondo narcótico de sintetizadores que reempraza a sonoridade clásica de guitarra-baixo-batería, dalle unha nova dimensión musical ao tema. A melodía principal segue funcionando con éxito. Na miña cabeza unha voz vai cantando as estrofas milimétricamente ao ritmo terminal que marca Chico Blanco. Ao tempo, outra parte de min analiza o que se está a dicir, o contido textual e, claro, as alarmas van saltando por todas partes. O meu eu de 2023 remata mirando con certo asombro ao meu eu de 1983 (84?) preguntándose: WTF? Vexamos porqué.
O estereotipo que reproducía o personaxe Loquillo atopaba a súa máxima expresión sentimental no protagonista desta canción: un home que, víctima dun desengano amoroso, entregáse a unha espiral de sexo e alcohol buscando olvidar o dano infrinxido pola amante fuxida. Esta mística do home-illa incapaz de expresar emocións e unicamente capacitado para tratar de enterralas en litros de alcohol e sexo mecánico (isto, probablemente, outra fantasmada propia da época), procede dun estereotipo cunha raigame moito máis antiga.
Porén, a súa expresión artística na Expaña de 1984 (83?) tiña un público especialmente receptivo a este tipo de mensaxes. A etapa do postfranquismo, lonxe de abrir un horizonte de liberdade entendida como transformación democrática radical da sociedade da época, serviu para engancharse á estela do carro neoliberal de entón. Os ecos dos movementos polas liberdades que mobilizaran con forza as sociedades occidentais dos anos 60 e 70 capturaron o fluxo do desexo desatado tras o final do nacional catolicismo coas bridas do consumo e a idea do "eu" como marca persoal por riba de todas as cousas. A sociedade expañola de mediados dos oitenta, como xa se ten dito moitas veces, tras a etapa de mobilizacións obreiras e politización antifranquista dos anos setenta, transicionou dende o fascismo nacional-católico a unha seudodemocracia liberal (que evolucionaría a neoliberal con rapidez). Polo camiño produciría un tipo de subxectividade -fundamentalmente entre as súas clases medias- a medio camiño entre ambos polos ideolóxicos: machista, individualista, conservadora para os asuntos públicos, liberal para os asuntos privados, profundamente desconfiada de calquera reinvidicación de tipo "político" e desexosa de deixar atrás toda a etapa de conflitividade social que atravesara a década anterior.
Neste caldo de cultivo, moitas expresións artísticas recollen os valores dominantes e os encapsulan en formas "novedosas" para o gran público da época. Digo "novedosas" porque o rock dos oitenta non deixou de ser unha volta ás prácticas musicais do mundo anglosaxón dos anos cincuenta, sesenta e setenta. A estética, case tan fundamental como as propias cancións, xogou un papel crucial nos procesos de identificación, en especial no que se refire ás capas adolescentes da poboación da época. E así, unha serie de mensaxes profundamente conservadoras sobre a masculinidade e as relacións sentimentais, pasaron de contrabando como o colmo da modernidade e do progresismo grazas ao contraste cos valores dominantes da época anterior e ao verniz subministrado polas prácticas estéticas. Mentras o resto do mundo aprestábase a acoller os discursos da terceira ola feminista do século XX, en Expaña o máximo da modernidade musical na súa versión máis popular consistía en cantarlle ao desamor dende unha perspectiva profundamente retrógada.
Por resumir, que ven sendo o Cadillac solitario para quen esto escribe visto cos ollos de 2023? Fundamentalmente, unha cristalización ideolóxica dun momento histórico moito máis conservador do que pensabamos entonces e que non pasa a proba do nosos estándares actuais do que debería ser "ser un home". Porén, o artefacto conta cunha tonada afortunada (grazas a un compositor en estado de gracia -Sabino Méndez-), e, crucialmente, está cantada por un Loquillo imponente (alto, macarra, sobrado de chulería) que representaba o culmen da masculinidade do tempo, reforzada, ademais, por esa idea horrible de "autenticidade" que destilaban os rockers naquel momento baseada nas orixes obreiras do cantante. Hoxe sabemos que a letra da canción é simplemente estúpida -como case todas as de entón-, e que na sintonización cos valores dominantes da época está parte do segredo do seu éxito. O meu eu de entón, fascinado pola combinación de música e estética e seducido polo contido do que alí se dicía, adoptou interiormente a canción como unha sorte de himno propio, como un ideal de vida para un homiño habitante do último cuarto do século XX. Por sorte, demasiado cobarde para afrontar a vida dende semellantes coordenadas, incapaz nunca de adoptar semellante pose na realidade.
Visto cos ollos de 2023, o Cadillac solitario é un produto case arqueolóxico (un destinado ás emisoras como rock fm e similares), considerado por gran parte dos integrantes da miña xeración como unha cima da musica de entón. Para min supón un fito. Unha baliza que da conta do meu propio percorrido. De cando era un machista ignorante de tal condición (agora sigo sendo machista, penso que é inevitable con tantos anos enriba, pero como o sei, procuro ir corrixíndome). De alguén que fun, inxenuo, acrítico, impresionable con estupideces, desfrutando de privilexios dos que nin sequera tiña conciencia. Non estou orgulloso.
Publicar un comentario