Estás lendo

Faber cóntalle a Montag as tres cousas que lle faltan no seu razoamento sobre a importancia dos libros en Fahrenheit 451

˝Dase conta agora de por que os libros son odiados e temidos? Amosan os poros da faciana da vida. A xente comodona so desexa caras de lúa chea, sen poros, sen pelo, inexpresivas. Vivimos nunha época na que as flores tratan de vivir de flores, en lugar de medrar grazas á choiva e o negro esterco. Mesmo os fogos artificiais, pese á súa beleza, proceden da química da terra. Así e todo, pensamos que podemos medrar manténdonos con flores e fogos artificiais, sen completar o ciclo, de regreso á realidade. Coñecerá vostede a lenda de Hércules e de Anteo, o loitador xigantesco, cuxa forza era incrible en tanto estaba chantado en terra. Pero cando Hércules o sostivo no ar, sucumbiu facilmente. Se nesta lenda non hai algo que pode aplicarse a nos, hoxe, nesta cidade, entón é que estou completamente tolo. Bo, aí, está o primeiro do que dixen que necesitabamos. Calidade, textura de información
- E o segundo?
- Ocio
- Oh, dispoñemos de moitas horas despois do traballo
- De horas despois do traballo, si, pero, e tempo para pensar? Se non se conduce un vehículo a cento cincuenta quilómetros por hora, de modo que so pode pensarse no perigo que se corre, estase intervindo nalgún xogo ou se está sentado nun salón, onde é imposible rifar co televisor de catro paredes. Por que? O televisor é "real". É inmediato, ten dimensión. Diche o que debes pensar e dino a berros. Ha de ter razón. Semella tela. Asobállate tan apremiantemente para que aceptes as túas propias conclusións, que a túa mente non ten tempo para protestar, para berrar: "Que parvada!"
- So a "familia" é xente [refírese ás persoas que aparecen no televisor de catro paredes]
- Que dis?
- A miña esposa afirma que os libros non son "reais"
- E grazas a Deus por iso. Un pode pechalos, dicir: "agarda un momento". Un actúa como un deus. Pero, quen se ten arrincado algunha vez da garra que o suxeita unha vez instalado nun salón con televisor? Dalle a un a forma que desexa! É un medio ambiente tan auténtico como o mundo. Convírtese e é a verdade. Os libros poden ser combatidos con motivo. Pero, con todos os meus coñecementos e escepticismo, nunca fun capaz de rifar cunha orquesta sinfónica dun centenar de instrumentos, a toda cor, en tres dimensións, e, formando parte, ao mesmo tempo, deses incribles salóns. Como ve, o meu salón consiste unicamente en catro paredes de xeso. E aquí teño isto -amosoulle dous pequenos tapóns de goma-. Para as miñas orellas cando viaxo no "Metro".
- "Dentífrico Denham"; non mancha nin se reseca- dixo Montag cos ollos pechados-. Onde iremos a parar? Poderían axudarnos os libros?
- So se a terceira condición necesaria puidera sernos concedida. A primeira, como dixen, é a calidade da información. A segunda, ocio para asimilala. E a terceira: o dereito a emprender accións baseadas no que aprendemos pola interacción ou pola acción conxunta das outras dúas. Cústame crer que un vello e un bombeiro arrepentido poidan facer gran cousa nunha situación tan avanzada.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.