28 de xul. de 2021

Un diálogo sobre libros na obra de teatro "Fahrenheit 451" entre Montag e Beatty que non aparece na película homónima

[...] Beatty, o xefe de bombeiros-queimalibros, leva ao protagonista Guy Montag á súa casa, un apartamento. Ao entrar, Montag descobre atónito que nas paredes hai aliñados miles de libros, toda unha biblioteca oculta! Vólvese cara ao seu superior e exclama:

- Pero ti es o incinerador xefe! Na túa casa non pode haber libros!

Ao cal o xefe, cun sorriso seco, replica:

- O delito non é ter libros, Montag, é lelos! Si, estou dacordo. Eu teño libros. Pero non os leo!

Perplexo, Montag agarda a explicación de Beatty.

- Non ves a beleza, Montag? Eu non leo nunca. Nin un libro, nin un capítulo, nin unha páxina, nin un párrafo. Pero sei xogar coa ironía, non é certo? Ter miles de libros e non abrilos nunca, darlle as costas á morea e dicir: non. É como ter unha casa chea de fermosas mulleres e sorrir e non tocar... nin unha soa. De modo que, xa ves, non son ningún delincuente. Se algunha vez me cachas lendo, si, entrégame! Pero este lugar é tan puro como o dormitorio dunha rapaza virxe nunha leitosa noite de verán. Estes libros morren nos andeis. Por que? Porque eu o digo. Nin a miña man nin os meus ollos nin a miña lingua lles dan alimento ou esperanza. Non valen máis que o po.

Montag protesta:

- Non entendo como non te sintes...

- Tentado? -exclama o xefe de bombeiros-. Oh, foi fai moito. A mazá foi comida e xa non existe. A serpe volveu á árbore. O xardín é malas herbas e mofo.

- Nun tempo... -Montag dubida e logo segue-: Nun tempo ti debiches ter querido moito os libros.

- Touché! -responde o xefe-. Por debaixo do cinto. Na queixada. Co corazón partido. As tripas abertas. Oh, Montag, mírame. O home que amaba os libros; non, o muchacho disparatado, tolo por eles, que gabeaba polos montóns como un atolado chimpancé.

"Comíaos como se foran ensalada; os libros eran para min o sandwich do almorzo, a merenda, a cea e o bocado da media noite. Arrincaba as páxinas, comíaas con sal, ensoupábaas con deleite, dentaba as costuras, pasaba capítulos coa lingua! Deceas, centos, billóns de libros. Levei tantos a casa que rematei corcovado. Filosofía, historia da arte, política, ciencias sociais; nomea o poema, o ensaio, a obra de teatro que queiras: cominos todos. E despois... despois... -A voz do xefe de bombeiros amortece.

Montag apremouno:

- E despois?

- Bo, sucedeume a vida. -O xefe pecha os ollos para lembrar-. A vida. O acostumado. O mesmo. O amor que non marcha de todo, o sono que se volve agre, o sexo que se fai pedazos, as mortes demasiado rápidas de amigos que non o merecen, o asasinato dun, a loucura doutro, a lenta morte dunha nai, o suicidio brusco dun pai..., unha estampida de elefantes anoxados, un ataque total da enfermidade. E por ningunha parte, ningunha, o libro xusto no momento xusto para reencher a fenda do encoro que se ven abaixo e conter o asolagamento, ou recibir unha metáfora, perder ou atopar un símil. Cara o final dos trinta anos, no bordo xa dos trinta e un, recollín os meus anacos, cada oso roto, cada centímetro de carne escoriada, mazada ou ferida. Mireime no espello e perdido baixo a asustada faciana dun mozo vin un vello, vin odio por todo, por calquera cousa, nomea a que sexa e a maldicirei, e abrín as páxinas dos magníficos libros da miña biblioteca e que atopei? Que, que?

Montag aventúrase:

- Páxinas baleiras?

- Premio! Si, en branco! Bah, estaban as palabras, dacordo, pero esbaraban polos ollos como aceite quente, sen ningún significado. Sen ofreceren axuda, nin consolo, nin paz, nin abeiro, nin amor verdadeiro, nin cama nin luz

Montag lembra:

- Hai trinta anos... As queimas finais de bibliotecas...

- Acertado. -Beatty asente-. E como non tiña traballo, e era un romántico fracasado, ou o que fose, presenteime para a primeira clase de bombeiros. Primeiro en subir os chanzos, primeiro en entrar na biblioteca, primeiro nese forno, o corazón ardente dos seus compatriotas sempre en chamas, empápenme con queroseno, pásenme a lapa!

(Extraído e pasado ao galego daquela maneira de aquí:)

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario