Hoxe rematei o meu "confinamento preventivo" tras dúas semanas metido na miña habitación mentres Cris me traía as comidas a diario e falabamos a dous metros de distancia ou por videoconferencia durante algúns xantares. Digo "preventivo" porque aínda que o médico que me atendeu por teléfono alá polo 21 de marzo descartou que os meus síntomas de febre e malestar xeral foran do covid-19, acordamos que iamos levar os días posteriores coma se tivera pasado polo bicho, por se acaso. Así pois, tres semanas na habitación -case unha completa de enfermidade-, facendo o que facía durante a primeira de confinamento, excepto cociñar e limpar o resto da casa ou saír á compra. Para celebralo, hoxe fixen a comida e a cea e botamos unha medio sesta no sofá mentres viamos entrecortadamente "Os dez mandamentos", monumento cinematográfico excesivo a maior gloria do cartón pedra, o cinemascope, a voz en off cargante, as actuacións máis propias dunha obra de teatro e as cores saturadas ata producir mareos. A vida "normal" resultoume igual de anormal que a vida "non normal" que levei. Cando baixei o lixo a nosa rúa estaba valeira completamente. Mergullada no silencio pesado destes días, levoume un ratiño recoñecela como "a nosa rúa". A mesma sensación que ao principio da corentena: síntome como nunha extensión irreal do noso piso. Ese espazo aberto que se extende a esquerda e dereita non é tal. É unha ilusión óptica porque, en realidade, non podemos ir máis alá do contedor do lixo, da tenda da esquina, da farmacia que está un pouco máis arriba. É unha zona desas, como en Stalker, un lugar por onde pasaron os extraterrestres ou algún deus deixando tras de si un lugar deformado no que non cabe a posibilidade de desenvolver algún tipo de existencia normal. Que flipado. Si. É a reclusión. Xa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario