Cuarto sábado de peche en casa.
Os aplausos das 20.00 cada vez comezan antes. Parece que a ansiedade se expresa en forma de impaciencia. As palmadas adoitan coller un ritmo nervioso e descompasado. Moita xente berra e silva e fai soar bucinas máis alá dos dous-tres minutos que dura o acto en si mesmo. Hai tamén, ultimamente, unha expresión de fatiga nas facianas dos veciños que eu recoñezo como miña. Somos dos privilexiados que temos metros en casa para non aboiarnos e recursos para aguantar sen problemas materiais (non tanto como os que teñen casas con xardíns ou pisos con balcóns, claro). Pero aínda así o peche produce efectos estraños. Asómome á ventá por aquilo de respirar aire fresco. A rúa baleira paréceme unha prolongación da casa co seu silencio e a ausencia de xente que a habita. Malia a perspectiva que da o horizonte da rúa -unha especie de desfiladeiro de western-, non experimento ningunha sensación de nostalxia da liberdade que debería levar asociada a paisaxe. O que experimento é que o mundo de aí fora é unha extensión deste cárcere provisional e que, dalgunha maneira, como se dixo tantas veces en tantos libros, o cárcere vai crecendo dentro de min mesmo, lentamente, coa paciencia xeolóxica dos procesos inevitables.
Na orde da realidade real, o goberno ven de propoñer hoxe mesmo a ampliación do Estado de Alarma dúas semanas máis ata o 26 de abril. Discutirán isto nun parlamento cheo de ocos esta semana que entra, pero parece claro que a cousa vai ir adiante. A dereita e a extrema dereita seguen no seu papel -único no mundo, para sorpresa dunha prensa estranxeira que non sei de que se sorprende-, unha instalada nunha especie de anoxo permanente porque-ninguén-nos-pregunta-nada e a outra inundando as redes sociais de mentiras e bulos a conta dos mortos e enfermos da epidemia, nunha calculada campaña de agit-prop na que un día piden un goberno de concentración e ao seguinte proclaman que expaña volveuse un réxime comunista (choro da risa con esta afirmación). A comunicación do goberno vai mellorando aos pouquiños, aínda que seguimos co ton de coach empresarial empeñado en elevar a moral dos empregados a base de frases motivacionais que tanto me amola. Queremos datos, mensaxes baseados en evidencias científicas, medidas económicas, laborais e sociais que sexan realmente anti-neoliberais (xa non pido nin sequera comunistas!) e que protexan ás clases subalternas e precarias. Queremos escoitar (e ver como se cumpre) que o custo da crise que se nos ven enriba non o paguen os de sempre, como xa sucedeu tras a crise de 2008 cando se recortaron todos os servizos fundamentais mentres se lles regalaban sesenta mi millóns de euros a uns bancos que xa avisaron que non ían devolver nin un céntimo. De calquera forma, aínda que critico os modos na comunicación deste goberno e algúns erros máis -a militarización da resposta a pandemia, por exemplo- considero que somos afortunados por non estar nesta situación baixo, por exemplo, un goberno PP-BOCS-Cs. Iso si sería a reostia, a película distópica que estamos a vivir convertida directamente nun filme de terror do xénero slasher. (Ai, que me dan calafríos so de pensalo)
------
Antonte comecei a ver "The Outsider" en HBO, a serie baseada no libro homónimo de Stephen King - e non demasiado ben recibido pola crítica-. Os temas tan habituais en King -a infancia perseguida e castigada polo horror, os adultos marcados por traxedias que non admiten consolación, o mal sobrenatural como residuo do mal feito polos homes, a propagación da devastación como unha epidemia- aparecen aquí con intelixencia e coidado. Gústame a posta en escena con todos eses marróns e verdes apagados que recollen -unha vez máis- a vida na urbanización suburbial norteamericana de clase media. Gústanme os planos xerais da vila coa súa morosidade, o tempo pausado que describe unhas existencias ao ralentí e os movementos de cámara a nivel de chan que van achegándose lentamente aos escenarios da trama. Nótase, en xeral, unha vontade autoral bastante clara, unha necesidade de marcar certas distancias (tampouco moitas, ollo) cos produtos audiovisuais mainstream. Aínda que se lle ven as fontes de inspiración con claridade -as pretensións metafísicas da primeira temporada de True Detective ou o ambiente de Castle Rock (outra serie baseada no universo Stephen King maltratada pola crítica e que a min encantoume), entre outras- o produto está ben feito. Non dá medo -nin creo que fora a súa intención- pero ten personaxes sólidos respaldados por grandes actores -encántame a Holly Gibney interpretada por Cynthia Erivo-, insertos nunha circunstancia enigmática e turbadora. Nesta ocasión non hai un grupo de rapaces heroicos ao seu pesar, e os adultos protagonista transmiten certa fatiga de vivir, un cansazo que ten menos que ver co metafísico e máis co existencial. Aínda que o mal protagonista desta serie suponse universal e adaptado ás distintas culturas do mundo, o guión parece suxerir que tal adaptación exitosa ás sociedades occidentais contemporáneas non é unha casualidade, como se as vidas que levamos e os seus contextos sociais, económicos e laborais, foran unha especie de humus hipervitaminado para a maldade que castiga aos protagonistas. Vou polo capítulo cinco. Mola.

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario