17 de xan. de 2019

Nestes tempos de profunda reacción

Volto ao título do artigo de Sánchez Ferlosio unha vez máis. Posiblemente sexa a cantinela que máis teño citado aquí dende aquel lonxano 2002 no cal abrín este blog. Buscando no meu propio arquivo non dou encontrado a ligazón ao texto pero case me da igual, a forza da expresión serve sempre para describir o momento no cal nos atopamos, como un insoportable día da marmota do cal non damos saído. A novidade, nesta inevitable repetición do mesmo, é que, a día de hoxe, 17 de xaneiro de 2019, a ultradereita hispánica ten abandoado a casa común da dereita (ese PP que albergaba a neoliberais, tradicionalistas, nostálxicos do franquismo, monárquicos, nacionalcatólicos e outras especies varias) para voar pola súa conta con notable éxito. A profunda reacción ten, pois, chiringuito propio de nome sonoro, líder identificable, unha masa social en ascenso alimentada a base de memes no whatsapp e toneladas de fake news, inimigos fáciles de identificar e unha carraxe infinita contra todo o que consideran que non respecta a "orde natural" das cousas.

Na miña lectura recente de "La destrucción de la democracia en España", o libro de Paul Preston sobre a segunda República española, atopei unha distinción que non coñecía entre as correntes dereitistas da época: os accidentalistas e os catastrofistas. Sendo todos eles nostálxicos do rexime anterior (xa fora a dictadura de Primo de Rivera ou a monarquía de Alfonso XIII) o que os dividía era a maneira na cal pensaban liquidar  ese invento do demo chamado "República". Os accidentalistas eran partidarios de acometer tal tarefa "dende dentro": gañar as eleccións e así levar a España a unha forma de estado "orgánica" ao estilo hitleriano ou mussoliniano. Para iso empregaron todos os medios legais ao seu alcance -incluíndo noticias falsas a esgalla na prensa afín- e ilegais -bandas de pistoleiros e matóns pagadas relixiosamente-. Os catastrofistas, porén, tiñan menos paciencia, sendo a súa opción preferida o golpe de estado e a imposición dunha ditadura fascista pola vía rápida. O libro de Paul Preston é un percorrido desolador polos seis anos de existencia da República e polos esforzos dos defensores das oligarquías económicas, dos propietarios dos grandes latifundios, da igrexa e de parte do exército para poñer fin ás esixencias de cambio social das masas obreiras e campesiñas españolas. A aniquilación do pulo reformista asociado á república trouxo eses corenta anos de dictadura fascista e ese pacto posterior entre os gañadores da guerra civil e o gran capital internacional que coñecemos como "transición" (mellor dito, segunda restauración borbónica). A suposta reconversión de catastrofistas e accidentalistas en demócratas entusiastas durante a devandita transición nunca tivo demasiada credibilidade. O que veu sucedendo é que as esixencias internacionais de democracia -por aquilo de explotar o mercado español sen trabas- convenceron a esta xente e aos seus descendentes de que podían manter os seus privilexios a cambio de certas concesións na orde social, cultural e simbólica.

Oitenta anos despois os descendentes ideolóxicos dos accidentalistas e dos catastrofistas séntense relativamente cómodos no marco da nosa democracia liberal e incluso defenden a morte ese documento claudicante que coñecemos como constitución española. Porén, as concesións nos eidos social, cultural e simbólico semellan ser demasiado para esta xente. Non basta co control da esfera económica, hai nostalxia do control completo, da volta a unha orde social que xa era reaccionaria décadas atrás. Estes herdeiros síntense víctimas -pobriños- da "dictadura do políticamente correcto", dos avances do feminismo, do recoñecemento legal das demandas da comunidade LGTBI, da presenza de migrantes e mesmo das normativas que restrinxen actividades como as touradas e a caza. Reclaman a volta a unha orde social que semellaba estar en vías de extinción e empregan expresións como "sen complexos" ou "políticamente incorrectos" como sinónimas dunha liberdade de expresión reducida a liberdade de insultar e desprezar aos demais. A "nova" extrema dereita -a que quedou no PP ou a que buscou acubillo en VOX ou en Cs- non se diferencia daqueles antepasados seus que fixeron todas as barbaridades posibles para laminar as demandas das clases populares nos anos trinta. Agora teñen smartphones e usan o whatsapp como se non houbera un mañá, discuten a liberdade real e a posibilidade da igualdade e síntense perdedores dunha guerra cultural que os oprime e coarta mentras reclaman dunhas esencias imaxinarias que xa estaban caducas fai case un século. O seu pulo vai coa nosa época e é síntoma dun retroceso bárbaro consecuencia do sistema económico que padecemos dende mediados dos oitenta do século XX. Como nos anos trinta, despois da desregularización neoliberal chegou a onda fascista. E unha vez máis toca dicir "nestes tempos de profunda reacción" e poñerse a actuar contra a combinación de autoritaritarismo neoconservador e economía neoliberal terminal que ameza con sepultarnos.

7 de xan. de 2019

O colapso territorial en Galiza


Xosé Constenla Veiga
O colapso territorial en Galiza
Editorial Galaxia


O sistema [territorial] entra en colapso cando os seus elementos esquecen cooperar, traballar polo común, sen atender a supostas "ofertas externas". Agora ben, por que se inicia ese proceso de deterioración dos elementos do sistema cando convivían nun suposto estado de "equilibrio funcional"?
Se cadra, a resposta hai que buscala na substitución do sistema territorial tradicional en Galiza (paisaxe de agras) polo actual, que supuxo a transformación do seu vector de organización, pasando de ser a produción agrícola a ser a accesibilidade (redución dos tempos de desprazamento). Este proceso non trouxo consigo a creación do que [David] Harvey denomina un novo capital espacial fixo (fundamentalmente por mor do singular proceso de incorporación da economía e da sociedade galegas ás loxicas do mercado capitalista), condición necesaria para o sustento das relacións socioeconómicas do capitalismo (que en esencia constitúe a "forza" que opera no sistema territorial actual),  operando as lóxicas espaciais do novo modelo sobre as estruturas organizativas e espaciais do anterior. Este feito deu lugar á aparición de fenómenos moi diversos de desequilibrio do sistema territorial que acabou por perder gran parte da súa complexidade e diversidade, provocando a situación de colapso.

[...] pasouse dun sistema territorial tradicional, posuidor dun modelo de organización coherente que atribuía a cada elemento unha función con rendibilidade social a unha situación de ausencia de modelo territorial, perdendo a lexibilidade e segregando esa función social, de sorte que só algunhas pezas do sistema territorial (a non a súa globalidade) posúen relevancia xerárquica no suposto de que sexan válidas para a mobilidade do capital.