2 de mar. de 2011

True Grit / Winter´s Bone



Dúas películas vistas recentemente chaman a miña atención polos seus paralelismos temáticos: True Grit, dos irmáns Coen, remake dun western de Henry Hattaway de 1969, e Winter´s Bone, cine negro indie -se existe tal cousa-, penúltima triunfadora nesa factoría de certificados de bó rollito cinematográfico que se chama Sundance.

Obviando a calidade de ambas -persoalmente prefiro os tics dos Coen que o bó gusto indie canónico de Debra Granik- fascíname o feito de que as dúas protagonistas de cada un dos filmes sexan rapazas adolescentes que parten a) en busca de xustiza polo pai morto ou b) na pocura dese pai ausente/desaparecido/asasinado. O nome do pai, garantía da orde simbólica, está ausente nos dous filmes. Sen el, o que queda é o horror do real, o deserto do real, o lugar traumático do real. As rapazas protagonistas saen de casa coa intención de restituir ese nome do pai como sexa.

No caso da protagonista de True Grit coa idea de facer xustiza, de capturar ao asasino do seu pai, cobrar a recompensa, e ocupar ela o lugar del. Pero para que tal cousa teña lugar deberá enfrontarse a unha madurez sobrevenida polas circunstancias: coñecerá a violencia que funda as leis dos homes, o horror do mal e a beleza terrible das vastas extensións de terreo sen civilizar. Guiada por un habitante da fronteira entre o mundo civilizado e o mundo dos bárbaros atopará a verdade do real e a ausencia de sentido deste. Para facerse adulto, dinos a película, cumpre ter contacto co mal e sobrevivir a tal encontro. Para restituir a orde simbólica será preciso deixar atrás as certidumbres da infancia, mirar ao real de fronte e ser capaz de aguantar enteiro as violencias que sosteñen os tratos e as relacións entre os homes.

A protagonista de Winter´s Bone vive nese Sur profundo de brancos que habitan en chabolas, van armados até os dentes, trapichean con drogas e están gobernados por pactos non escritos e silencios sepulcrais. A desaparición do pai amenaza co embargo da súa casa. Como en True Grit, a desaparición do nome do pai conleva o abandono da familia nos terreos ermos do real. A protagonista, enfrontada á posibilidade de verse na rúa coa súa nai tola e os seus irmáns pequenos que ninguén poderá coidar, decide saír á procura do corpo do pai. Alomenos, demostrando que está morto, a orde de deshaucio non se fará efectiva. Pero o cadáver non aparece, e, na súa procura atópase con mulleres brutais que protexen a homes aínda máis terribles. Enfrontarse a eles levarala a tomar coñecemento das leis segredas que os manteñen unidos e a coñecer, ela tamén, a violencia brutal que sostén tales leis, o mal que emana das condicións materiais da existencia de tales homes. O mal, de novo, pero se en True Grit aparecía como consecuencia da vida nos territorios "sen civilizar", en Winter´s Bone é a consecuencia inevitable das relacións entre os membros da clase social dos excluídos. Para eles, as continxencias do día a día levan a actos necesarios de supervivencia a calquera prezo: roubar, asasinar, o que faga falta.

Sei que olvidarei Winter´s Bone con facilidade e que True Grit etiquetarase na miña memoria no grupo de películas dos irmáns Coen que están no límite do notable pero non máis aló. Pero as dúas personaxes femininas adolescentes que cargan co peso do pai ausente, que dan o paso de ocupar o lugar baleiro que deixan os adultos nas súas vidas, permanecerán algo máis. Hai nelas un retrato fiel do que é deixar atrás o estadio infantil e do que supón asumir a mortalidade como prezo a pagar pola madurez, así como  un achegamento inevitable a comprensión do lugar que ocupa o mal no marco das vidas de todos os homes.

1 comentario:

  1. ay, yo por casi lloré en el cine viendo Valor de ley, con ese gran lebowski tuerto y viejo y esa lección moral, ese brazo perdido en el duelo y tanta aventura, de la buena, de la de antes... por edad no he podido ver los viejos westerns en pantalla grande; celebro haber visto al menos éste; un buen sucedaneo, desde luego;

    saludos!

    ResponderEliminar

Deixa o teu comentario