15 de feb. de 2011

Odia aos teus inimigos coma a ti mesmo

Un millón de rapazas castelás manchegas decide meterse a monxa nunha orde ultracatólica de nova fundación. Di a noticia que moitas son irmás xemelgas e mesmo trillizas. Os pais, declaran, están superfelices de la vida. Entre os invitados á cerimonia de iniciación (con hábitos de tela vaqueira, osea), Mariano Rajoy, la Cospedal, Silvio Berlusconi e mesmo o presidente da Xunta, amante das amantes do divino salvador. Ao final só puido asistir Rouco Varela, o home á dereita dos homes que viven na dereita do noso espectro político. Malia ler a crónica do acontecemento cústame imaxinar os detalles, esas cousas que dan consistencia aos feitos narrados. A cerimonia debeu ser, segundo os xornais, unha especie de gala de OT na que desfilarían as protagonistas inversas de "princesas de barrio" (estudantes de mediciña, de dereito, de enxenería, de todas as especialidades coa aura de trampolíns de acceso a esa cousa chamada estatus) cantando hosanna hei a ritmo dubstep, modernas e tradicionais, desenfadadas na súa seriedade: suma magna de oracións copulativas para disimular as adversativas inherentes ao seu invento. Eu non estiven alí e só podo laiarme. Estas rapazas encarnan o signo dos tempos da España do século XXI: en medio desta crise arrepiante, parecen dicirnos, voltemos ás vellas rancias tradicións hispánicas, coas súas mensaxes monolíticas, sen matices, desbordantes de positivismo seguro de si, coas súas receitas de sentido común para encarar o futuro cun sorriso nos beizos: familia, deus, orde, patria.

(Frente ao fluxo do devenir-acontecemento abracemos a reificación do ser, parece escoitarse como letanía de fondo entre amenes e ora pro nobises)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario