Unha nova chamoume a atención a semana pasada (entre varios millóns delas, claro): a autoridade portuaria viguesa invitou aos tertulianos e opinionistas do programa "el gato al agua" da cadea televisiva de ultradereita "intereconomía TV" a facer o seu show nun local da citada autoridade. A invitada estelar de tal programa foi a presidenta da autoridade portuaria, a política do PP Corina Porro.
Deixando de lado o seudodebate sobre a estética/ética do feito de prestar un edificio público para levar adiante un show televisivo privado, o acontecemento retrata con claridade a progresiva radicalización da mensaxe política de certa dereita hispano-galaica.
A nosa presidenta portuaria presume con frecuencia de adscribirse a esa entidade fantasmática chamada "centro político". Leva por bandeira a despolitización do espazo público en favor da "xestión" "abstracta" e "neutral" das cousas comúns e proclama a súa desideoloxización case completa proclamándose pouco menos que unha cidadá normal e corrente que se limita a aplicar o sentido común, o da xente da rúa, para tentar solucionar os problemas do porto, da cidade, de Galicia, e mesmo de España enteira. Baixo este manto de rexeitamento formal do que constitúe a esencia do feito político, e polo tanto, de aspiración velada a unha sociedade que teña expulsado do seu seo o antagonismo que é inherente á súa constitución como tal, latexa en cambio unha visión radicalmente "forte" e profundamente política -pese á súa proclamación "antipolítica"- de como debe ser a nosa sociedade. O "feito antipolítico" é, sen dúbida, o rasgo que disitngue á ultradereita contemporánea. A súa desconfianza manifesta na propia política, o desprezo máis ou menos velado polas formas democráticas, a afición a adelgazar o Estado e os escasos mecanismos igualitarios que aínda sobreviven nel e a cuasi impugnación das institucións nas cales non gobernan constitúe xa unha sorte de DNI que os identifica inquivocamente.
Así pois, o que se pretende máis ou menos veladamente é presentar unha sociedade na cal non hai sitio para a expresión dese conflicto que é rasgo constitutivo último. Unha sociedade que é, toda ela, a xuntanza voluntaria dunha multitude informe adscribible a iso que se chama clase media, con leves diferenzas de riqueza entre os seus membros que son obviables xa que hai mecanismos para igualarnos a todos grazas ao noso esforzo persoal.
Sabemos de sobra que esta tese -enunciada con variantes populistas dependentes da actualidade- só aspira a deixar intacto o estado de cousas. A conservar as desigualdades estruturais e a perpetuar no poder a aqueles que xa o teñen e que sempre o tiveron. Sabemos que o discurso -enunciado cunha vulgaridade que case asusta máis que o obxecto de enunciación- agocha tamén un ansia por recortar os restos dos mecanismos emancipatorios que todavía sobreviven como residuos do Estado do Benestar. E sabemos tamén que a nostalxia de tempos peores é o discurso que se adiviña entre liñas.
O realmente preocupante é observar no día a día como a mensaxe vai collendo adeptos silenciosamente. Unha política como Corina Porro, mergullada por completo na banalidade absoluta do seu discurso, resulta sorprendemente atractiva para unha cantidade considerable de cidadáns: encarna un modo de vida que, excluídos os avances tecnolóxicos, podería estar descrito completamente nas novelas de Balzac ou Flaubert. Suxeitos premodernos en tempos posmodernos aplicando as vellas leis da selva: a respetabilidade como meta no eido do social, o cinismo como método no terreo do persoal, e o recurso á violencia -estrutural ou subxectiva- como garantía da propia posición. Iso é o que xa está aí, como n´A invasión dos ladróns de corpos, entre nós. Iso, creo, xa somos case todos. A cuestión está en resistir dalgunha forma ou abrazarse a esta concepción da vida sen complexos e mesmo facendo apostolado baixo os educados modos da xente de ben de toda a vida.
Onte releí aquela vella conferencia de Derrida -1994- "Que facer da pregunta que facer". Gustoume especialmente este párrafo:
Sin embargo una cierta revolución en la idea misma de revolución, en su concepto y en sus esquemas [para hablar como Kant: en lo que ata su idea a su concepto y a su intuición], en su simbólica, en sus imágenes, en su teatro y en sus escenarios, otra revolución -y de aquí otra contraseña para la justicia, la igualdad, la emancipación, etc- otra revolución no tan sólo es lo que nos comanda la respuesta a la pregunta «¿qué hacer?», por más difícil, por más indiscernible que pueda parecer, sino además y ante todo es lo que nos inspira y comanda y dicta en nosotros la pregunta «¿qué hacer?».
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario