3 de out. de 2010

Parenthood

Ando medio enganchado a series novas que prometen máis do que dan (como case todo nesta vida, por certo) e que, no fondo, dados os seus puntos de partida bastante fan dando o que dan.

Unha delas é Parenthood. Producida pola NBC é un (outro) exemplo da busca dese punto mitolóxico que supostamente existe entre o que é arriscado e o que é seguro, entre o que un sabe que funciona e o que non se sabe se funcionará. Un produto que pretende ser moitas cousas e que insiste nesa outra sofisticada ficción que chamamos naturalidade (que por estes pagos identifícase sempre co costumbrismo), insinuándonos que nas súas esceas non hai xuizos morais nen patróns predifinidos de conductas aceptabeis cando en realidade toda a estrutura dramática -polo que levo visto- consiste na posta en escea dun xigantesco xuizo ao que vai anexado un catálogo de conductas "normais" ou en vías de normalización.

Protagonizando esta falsa indagación nos dilemas e contradicións da paternidade está Peter Krause, o Nate Fisher daquela marabilla chamada "six feet under". Parella de mediana idade con filla adolescente e amigos e familiares en situacións semellantes. Nai relativamente comprensiva e pai considerablemente histérico ante os descubrimentos da súa creatura: noivos, substancias estupefacientes, festas, a vida lonxe do fogar en definitiva. O deseño de produción, como é costumbre nas series norteamericanas, é realmente magnífico: os fogares da rica clase media norteamericana, os barrios dos suburbios, o uso da iluminación como elemento definitorio de momentos de diferente intensidade dramática ou os vestiarios dos protagonistas poñen en pé un mundo que case coñecemos mellor que o noso e que, sen dúbida, está presente en certo imaxinario colectivo como o escenario no que levar a mellor das vidas posibles.

Pero, malia a seducción visual, algo non funciona correctamente nesta serie. Os conflictos entre pais e fillos ou entre membros da mesma familia, os enfrontamentos entre amigos ou mesmo os malentendidos ou disputas están estereotipados excesivamente. Os desenlaces poden preverse con unha antelación escandalosa. As supostas fendas na estrutura familiar ás que presumibelmente apuntan as tramas rematan por ser espazos de liberdade para os seus membros. A familia, di o guión con MAIÚSCULAS e a tamaño 2000 puntos é o reducto último onde un se sinte sempre a salvo e acollido. A familia, di o guión con MAIÚSCULAS e a tamaño un millón de puntos é unha sublimación do útero materno: podes mallar nas súas paredes, pero sabendo que sempre terás calor, alimento, teito e ese intanxible que coñecemos como afecto.

Ah, supostamente, a cousa pretende amosarnos como un remata por convertirse nun calco dos seus propios pais chegado o momento. Aínda que o que realmente nos conta é que non hai escapatoria ao modelo familia tradicional + coche + casa + fillos + aburrimento até a morte. E que debemos dar gracias por invento semellante fronte aos perigos dun mundo exterior cheo de xente tola disposta a aproveitarse da inocencia dos rapaces e da debilidade dos pais compracentes.

En definitiva, outro produto que camufla baixo o manto protector de certa incorrección política meramente cosmética unha (outra) apoloxía do tradicional de-toda-la-vida, dando lugar a un retrato inevitabelmente falso das familias de hoxe en día, e resultando especialmente desagradable polas súas intencións, precisamente, de ser expoñente do que supostamente hai. Outro día falarei de "Modern Family", que ven sendo o mesmo lobo pero con distinta pel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario