A revista "retranca", dirixida por Kiko da Silva é a única revista satírica galega que existe na actualidade. Froito do esforzo de varios amigos, sae con certa periodicidade facendo burla dos "grandes temas" da actualidade galega. No seu último número elixen como excusa para a portada a visita do Papa-nazi-na-súa-mocidade (aka Bieto XVI) para tratar de facer que os seus lectores boten unhas risas. Cal é a súa sorpresa cando a imprenta de Murcia -Jiménez Godoy- coa que tiñan contratada a edición négase a entregarlles os exemplares acordados baixo contrato e xa impresos por "motivos morais". A nova non tarda en chegar á prensa "seria". Nalgúns sitios fálase de censura e secuestro, noutros de incumprimento de contrato e cousas polo estilo. Máis aló das cuestións comerciais, sorprende o fondo do asunto: o impresor, que se proclama católico na entrevista que lle fan no diario Público, xustifica que a súa moral impídelle a difusión da revista.
E claro, un non pode evitar preguntarse: publicar uns chistes contra o Papa é inmoral, pero secuestrar unha publicación, é un acto de afirmación de superioridade moral? O humor, é entón terreo propicio para a inmoralidade? Deberían prohibirse as revistas de humor ou só as que se rin do Papa?
Ai, que vivimos un país que cada día mola mogollón de máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario