27 de xuño de 2010

Reflexións mundialistas (I)

Sigo con ansioso desinterese a evolución deste meganegocio mundial que se está a desenvolver en Sudáfrica. Máis ben, con certo histerismo distanciado. Máis ben, con considerable aburrimento hiperatento. Ou ben, con todo iso e máis aínda. E, polo que levo visto, o negocio funciona a pleno rendemento: as gradas cheas, miles de extras facendo un rebumbio considerable, starlettes pintadas coas cores nacionais esperando polo seu minuto de gloria nas portadas dos xornais globais, presidentes, expresidentes, celebrities e frikis redimidos pola fama dándose cita neste simulacro de guerra mundial sublimada a través do acontecemento deportivo. O deporte, así, permite puntuais teatralizacións dunha desorde imposible na realidade (Ghana gañando a Estados Unidos, Italia, Francia ou Inglaterra xa liquidadas, os fraternais veciños España e Portugal ao borde do enfrontamento total), e, por riba de todo propicia a posta en escea dun complicado amor patrio que habitualmente agóchase con vergoña por estes pagos.

Por primeira vez en décadas teño visto en Vigo: balcóns coa bandeira de España co touro no centro, rapazas e rapaces coas cores hispánicas pintadas na cara, xente de apariencia razoable ao borde do infarto ante os erros sucesivos de Torres e compañía, xente de apariencia sensata besando o chan tras os goles de Villa, automobilistas de seu tranquilos e imperturbables facendo soar os seus claxons mentras escoitan a eses simpáticos fascistillas do Carrusel Deportivo.

O nacionalismo español, que penaba con vergoña entre unha multitude silenciosa de vigueses, ven de atopar unha canle de expresión. Ardor guerreiro e espírito festivo combínanse nesta explosión de sentimentos reprimidos. O reprimido, que se manifesta en forma de neurose fai aflorar actitudes estigmatizadas de feito socialmente. Agora que declararse españolista vai empezando a ser algo normal poderemos por fin comezar a entender as cousas que pasan nas eleccións por estes lares. Tamén, admitido o síntoma -o nacionalismo español-, quizais poidamos discutilo abertamente sen atoparnos con esa resposta que cortocircuita calqueira diálogo posible: "¿nacionalista? yo no soy nacionalista".

O espectáculo e o seu negocio dan forma ao reprimido. A posta en escea do sentimento patriótico crea unha resonancia social. Unha masa amplia de xente practicante dun nacionalismo españolista non recoñecido, de súpeto sente a liberación de poder dar expresión ao seu malestar. Hai un lado bó en todo este festival rojigualda: cando un recoñécese como patriota español pode empezar a admitir que haxa outras posibilidades para recoñerse nunha identidade colectiva. Incluso pode empezar a pensar que o "normal" é ser nacionalista dunha forma ou doutra, e, indo aínda máis alá, que as patrias non están a salvo do devenir humano nin son realidades inmutables, eternas e trascendentes. Celebremos, pois, os goles de Villa: son terapéuticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario