20 de abr. de 2010

Un hiyab é un hiyab é un hiyab

Descubrir a cabeza en sitios pechados: tema fascinante que nunha busca rápida por internet da lugar a atoparse con miles de debates fundamentais. Eu mesmo, na miña clase o experimento a diario: os neo b-boys, os skaters, os surfistas e os pijos de última xeración utilizan gorras de todo tipo e tamaño. Cando entran na aula con ela posta os miro con cara de sarxento Arensibia e eles, aterrorizados pola miña faciana de tertuliano de intereconomíaTV rapidamente a gardan. Moitas veces quedo pensando, porqué teñen que sacar a gorra? A miña escusa é eliminar un posible elemento distractivo, limitar o número de obxectos que poden contribuir a que se evadan con rapidez da fascinación das miñas estimulantes clases. Iso é o que me digo para xustificarme cando me preguntan por qué? Porén, en realidade, os meus actos son un reflexo dalgo concreto: dun uso social sancionado polo tempo, dun comportamento engastado na tradición do correcto vestir que chega aos nosos días como un residuo doutra época que toleramos como un exotismo que non molesta demasiado. Hai, nesta actitude un algo profundamente antipedagóxico que xa leva tempo molestándome discretamente (claro, teño problemas algo máis graves que resolver no día a día). A molestia, nestes tempos nos que voltamos ao tema das rapazas musulmanas supostamente obrigadas a levar o hiyab, tórnase nalgo máis denso. O debate, legalmente desviado a unha suposta vulneración do reglamento de rexime interno dos centros escolares, en realidade oculta un medo moi do noso tempo: os nosos costumes racionais, serios, sensatos, exemplos de respecto ás liberdades individuais e ás elegantes tradicións históricas do noso territorio, deben ser preservados das inxerencias culturais e relixiosas deses bárbaros que veñen a tratar de impoñer os seus hábitos totalitarios, irracionais, premodernos e ligados a unha tradición de brutalidade e opresión.

É dicir.

Non nos basta con ter o control do real. Queremos tamén o control do simbólico en todos os espazos públicos. A nosa democracia capitalista, tan respestuosa cos dereitos dos consumidores, leva mal os pequenos desaxustes no noso matrix particular. Que os musulmáns sexan cumpridores usuarios de tarxetas de crédito e fieis compradores nos carrefoures e cortes ingleses é unha cousa boa para eles e para nós, amosa que a integración é posible e que os musulmáns poden ser modernos e moderados. Que unha rapaza de catorce anos leve un pano cubrindo a cabeza é unha agresión potencial ao noso espazo simbólico. Que esa rapaza de catorce anos estea unha semana sen ir a clase é unha solución pedagóxica correcta según os nosos parámetros, xa que é mellor illar aos axentes infecciosos que deixar que estes propaguen unha enfermidade de consecuencias incalculables nos nosos centros escolares.

Como mestre sento unha profunda vergoña (é un sentimento habitual, todo hai que dicilo, ante a miña propia tarefa docente) do tratamento que se lle aplica a esta rapaza. Equivale, no terreo escolar á doctrina Bush da agresión preventiva: mellor deixar á rapaza uns días sen ir a clase que buscar unha solución digna para que non perda aquilo ao que ten dereito como cidadá, ou sexa, a estar escolarizada con normalidade. Eu a deixaría estar na clase co hiyab posto, alomenos ata que se conseguise un acordo entre o centro, os pais e a propia rapaza e un apaño nese sacrosanto reglamento de réxime interno. Se levar a prenda posta non supón ocultar a cara da rapaza e se esta prenda non é un pretexto para pasar o tempo xogando con ela, cal é problema?

O problema é a nosa visión -a das autoridades educativas e políticas- dos estudiantes musulmáns, claro. Baixo a capa de tolerancia superficial hai unha besta que se alimenta da desconfianza, do medo e dos peores prexuizos sobre os outros, sobre aqueles que non son coma nós. Unha rapaza cun hiyab pode entenderse como unha invitación a convertir España nun país islámico e a cambiar o noso rexime lexislativo pola sharia, a semana santa pola peregrinación obrigatoria á Meca e o mes de vacacións polo Ramadán. Claro que si. A próxima que se atreva a facer algo semellante, que lle poñan un mono laranxa, unha capucha na cabeza e a ver mundo por aí diante. Que a civilizados e tolerantes non nos gaña ninguén, pero sen pasarse tampouco, eh.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario