28 de feb. de 2010

Sensacionalismo 2.0

Pasei a tarde do sábado recluido na miña casa. Segundo os medios de comunicación, o fin de mundo estaba aí fóra, en forma de borrasca con nome de cantante candidata a Eurovisión. As autoridades públicas recomendaban: quédese na casa, non salga se non está a morrer e precisa un médico ou unha funeraria. Como cidadán obedente, temeroso dos poderes da meteoroloxía desatada, e escéptico con poucas enerxías quedei pechado por vontade propia no meu fogar. Puxen a CNN, enchufeime ao twitter (empecei co #Xynthia, seguín co #chile e rematei con #tsunami e #hitsunami, as catro xanelas abertas simultaneamente grazas ao tweetdeck), mentras en varias pestañas do meu navegador observaba as cámaras web colocadas en puntos diversos da xeografía hawaiiana. Para cando fun consciente de que a miña estupidez acadara un dos seus cumios históricos -dentro dunha serie de catro décadas con picos difíciles de superar- medio planeta estaba xa enlamado coa mesma merda coa que eu consumía o meu tempo de cárcere doméstica: esa pulsión escópica que animaba o meu desexo de ver a desgraza allea en tempo real.

O século XXI, da man da tecnoloxía do instantáneo e da omnipresencia da mirada humana e non humana está a amosarnos facianas insospeitadas de nós mesmos: os pequenos burgueses ociosos podemos xa engadir sen complicacións ao noso currículum vitae o adxectivo "sádico" xusto na liña seguinte á que di "paranoico". Eu atreveríame a falar de sadoparanoia: os nosos temores máis idiotas e artificiais alimentan o noso desexo de presenzar a desgraza allea, para poder dicir despois: eu estaba alí, en primeira liña, ollándoo todo en tempo real. O status, hoxe en día, xa non o marcan os cartos nin a posición social. A marca de clase definitiva é adiantarse aos acontecementos o xusto para estar aí, diante algunha pantalla -ordenador, teléfono móbil, televisión por cable- cando o acontecemento de tintes apocalípticos sacuda algunha parte do mundo.

Hai un momento da tarde do sábado no que caigo na conta do tamaño do colectivo de anormais que, a escala planetaria, estabamos agardando pola gran ola en Hawaii. Os comentarios na web que enlazaba coas cámaras situadas na praia de Waikiki e o porto de Hilo comportábanse como os números en loop dos canais de información económica. Centos de comentarios atropelábanse cada segundo nunha actualización permanente que facía ilexible calqueira deles. Neses comentarios que ninguén leería xamáis, nesa avalancha de opinións intrascendentes sobre a desgraza que estaba por vir adiviñei un signo máis das proporcións da nosa miserable forma de vida. A escala. A escala da miseria moral resulta abraiante. E a naturalización desta miseria case resulta tan inquietante coma a propia miseria. Nós, os sensibles que non soportamos os excesos de violencia nin a sobreexposición aos medios que se da en programas televisivos do tipo GH, de pronto estabamos enganchados á traxedia que estaba a piques de ter lugar. Coa naturalidade que da o feito de poder facelo. Coa simpleza de estar, simplemente dispoñibles para comportarnos como unha masa inhumana. Unha masa sen contacto entre os seus membros de ningún tipo, entregada ao goce da pulsión escópica. Unha masa brutal e inconsciente.

Bah.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario