Estás lendo

look at me
É entroido no colexio. Vou de cea-troula cos meus compañeiros. Bailamos disfrazados no restaurante de todos os anos, baleiro coma sempre os xoves de Febreiro pola noite. Vintecinco persoas celebrando algo indefinible que supera os límites da data. A estas alturas xa teño claro que o único obxectivo de calqueira celebración é ter lugar (é o que di Sánchez Ferlosio sobre os actos culturais, e unha cea de compañeiros non deixa de ser tal cousa). A cea ten lugar. Facemos un pouco o mono. Comemos outro pouco. Bebemos algo menos. Bailamos unha selección musical que ninguén levaría consigo a unha illa deserta. Facemos confesións semi-íntimas. Poñémonos estupendos. Poñémonos dramáticos. Poñémonoños coñazos perdidos. O acontecemento ten lugar sen impacto sobre as nosas vidas, posiblemente porque xa forma parte delas. As cousas que nos ocorren o fan só se non forman parte de nós. Reunirse, cear, entregarse a un hedonismo de baixa intensidade: actividades integradas no decurso corrente dos nosos días. Estes actos xeneran unha substancia invisible que recoñecemos en momentos singulares, cando o externo a nós pon todo do revés. A substancia do vivido, a súa densidade, recoñécense no momento exacto no cal pasan a formar parte do que un xa perdeu. Dicimos, Ola rutina, con cara de aburrimento, miramos cara ao chan ás agachadas pensando nesas outras vidas que non levaremos. O que non vivimos e o que efectivamente si: queremos as dúas cousas ao tempo, e esta imposibilidade devóranos en silencio. Remata a cea e chego a casa relativamente cedo. O termómetro do coche marca un grao centígrado. Ultimamente é a temperatura de case todo, xusto un peldaño por riba do cero. Xusto.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.