4 de xan. de 2010

apéndices á enciclopedia da paranoia contemporánea

I. Un fulano intenta volarse nun avión en Detroit sen conseguilo. A causa disto, os Estados Unidos deciden que van a bombardear Yemen (certas rexións). "A quen lle importa", dí o silencio do resto do mundo civilizado.

II. Un fulano intenta volarse nun avión en Detroit sen conseguilo. A causa disto, en certos aeroportos de certos países do mundo libre os funcionarios que levan o tema da seguridade poderán coñecer o interior dos pasaxeiros (en sentido xinecolóxico, claro) cun grao de detalle asombroso. O resto do mundo protesta polo baixiño mentras un exército de expertos sae a declarar nos medios de comunicación: "é polo voso ben, tontiños, que non sabedes o gravísimo perigo que corredes cada vez que subides a un avión."

III. Un fulano intenta volarse nun avión en Detroit sen conseguilo. O ministerio do interior (xeográfico, non xinecolóxico, creo) español di que -polo momento- respectarase a intimidade dos pasaxeiros e non se utilizarán os escáneres. É probable que, nos próximos días, unha chamada telefónica entre presidentes galácticos cambie as cousas rapidamente.

e IV. En Dubai, un emir levanta un carallo de 818 metros de altura e 1.000 millóns de dólares de custo. Os obreiros que levaron a cabo tal cousa cobraban entre 3 e 6 € diarios en xornadas de 12 horas. O emir, entrevistado como unha superstar na BBC e na CNN declara "fixeron falta 14 anos para levantar as torres xemelgas, esta obra fíxose so en seis" (falo de memoria). As monarquías feudais da península arábiga viven unha bonita historia de amor co mundo financieiro occidental. Confírmase o esperado: en só tres días de vida, 2010 xa da tanto noxo como todo 2009 completo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario