Estás lendo

deriva, ou case
Onte empezou o Sinsal 7 estación de outono. Para abrir boca, concerto inaugural no teatro Caixanova. Cheo case absoluto, posiblemente a mellor entrada que eu lembro do festival, quizais o prolegómeno a un salto cuantitativo que se albisca no horizonte.

Abriu Javiera Mena, cantautora do Chile. Traída expresamente polo grupo principal na súa xira europea. Para min, intrascendente e aburrida. Sen nervio, entregada a unha poética das nubes e das cousas que non se sabe a qué cheiran. Dormitei durante os vinte minutos do seu recital. Esperaba, cos ollos e a os orellas entreabertas, un chispazo, un arrebato explosivo no que se albiscara algo de sangue, un pouco de víscera -musicalmente falando-, algo de chicha que me devolvera á realidade do concerto. No seu lugar, puiden escoitar a unha esforzada imitadora de Julieta Venegas. Algo que, neste momento, non me interesa musicalmente dende ningún punto de vista.

Despois os Kings of Convenience.

Como dicía o desaparecido (internetmente) cossimo, música para pijos de chapapote. Eu estou dentro desa categoría, e, de feito, ata fai un ano, era bastante fan do grupo, ata aprendín a chapurrear un par de cancións de "riot on a empty street" coa axuda da guitarra. Agora mesmo, recoñezo tamén que só son capaz de escoitar catro ou cinco temas seguidos. Malia todo iso, senteime disposto a deixarme levar e a disfrutar do concerto. A esperar, unha vez máis a milagre sinsaleira.

O concerto.

Sonido perfecto. Os temas, calcados aos cortes dos discos. Os tipos graciosos de máis. Máis do que eu soporto, que non é moito, todo hai que dicilo. Todo calculado e milimetrado. Posta en escea sobria, con reclamacións insistentes para subir ou baixar as luces de forma continua. Á segunda canción, o público que enchía o teatro Caixanova, estaba totalmente entregado. Cada parrafada, cada chiste, cada xesto, eran aplaudidos con paixón. Os megahits, caíndo un detrás de outro (homesick, misread, i´d rather dance with you que lembre agora) e a xente toleando nas butacas. A medida que avanzaba o concerto puiden entender como un pode sentirse involucrado ou non nun concerto destas características. Os kings pedían palmas: aí ían as palmas. Pedían chasqueos de dedos: aí ían os dedos. Pedían silbidos: centos deles respondía ao instante. Pedían poñerse en bolas facendo o pino sobre a punta do pulgar: toma diso tamén. É dicir. Admito que nun sentido profesional foi un gran concerto: o son, a perfección case matemática das cancións, a secuencia dos temas, as intervencións dos protagonistas, os excelentes músicos de apoio, a forma de capturar a vontade dun público disposto a elo. Nun sentido persoal, dende a óptica de quen vai, musicalmente, a ningunha parte, a cousa non funcionou igual de ben. Sentín que había algo de perfección excesiva. Que estes pulcros e hiperprofesionais fabricantes de hits intimistas deixaran, no seu traxecto, algo fóra do terreo de xogo musical. Algo que son incapaz de definir, pero que acotaría nun cuadrilátero determinado polo exceso, pola tolemia, por certa rabia cara a un mesmo e cara ao mundo, e, por suposto, alomenos, por unhas pingas de saírse da liña recta de calcar as cancións dos discos. Porque, dalgunha forma, sentíndome como o tipo que está na festa porque o colaron e non porque foi invitado ou polo seu propio pé, atopeime a min mesmo discutindo se ese sonido perfecto, se eses estribillos contaxiosos, ou as armonías celestiais que impregnaban todo o conxunto das cancións, achegábanse a algo de min mesmo. A iso indefinible que lle demanda a música un algo máis que a plácida caricia do benestar, o morno transcurrir do tempo cando un está medio narcotizado ou o atontamento ante os trucos deslumbrantes dun mago de primeira.

O balance, polo tanto, é confuso. Non terminei de meterme no concerto. Quizais estou nesa etapa de renegar violentamente dos propios gustos, das inclinacións estéticas naturalizadas por anos de escoitas concretas. E iso xa sabe un o que significa. Nada hai peor que un renegado de si. Nin un converso ao estupor permanente. Dalgunha forma, o concerto non me gustou porque non deixei de pensar que eu son o público obxectivo deste tipo de música: aquelas persoas que durante tempo consideráronse a si mesmas como poseedoras dun certo "bó gusto", dunha determinada "elegancia" estilística, dunha visión "intimista" e "sensible" do que é a música. Por iso o meu desagrado. Eu nunca poderei ser máis que un bó fan dos kings of convenience. Precisamente por ese encaixe natural necesito desmarcarme. Facer política de terra queimada.

Como din as persoas normais cando rompen coas súas parellas, non es ti, son eu.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.