summer paranoia
I. No vanity fair do mes de xuño sae un dos grandes testemuños xornalísticos do ano: Rafael Vera, ex-secretario de interior dos gobernos de Felipe González, confesa a cara descuberta a súa participación no aparato terrorista de estado desenvolvido entre 1982 e 1989. Sen inmutarse demasiado, amosa o seu orgullo, a súa satisfación como soldado en loita ao nivel das cloacas, e esixe veladamente un recoñecemento para todos os que como el contribuiron ao fortalecemento da democracia española. Todo o artigo, dende o principio ao final é un cántico ao segredo de estado, á violencia oculta que, "polo noso ben" lévase a cabo en calellas a escuras en pobos sen nome, en sotos enterrados un par de metros baixo terra, en comisarías de policía sen testemuñas e con cámaras de seguridade que se escarallan o día que morre alguén. A entrevista remata cun aviso, o tipo ten un libro escrito, esperando para a súa publicación a que os protagonistas políticos da época xa non poidan sofrir as consecuencias. Malia o meu arrepío, síntoo unha curiosidade infecta polo libro. Precisamos unha Hanna Arendt que nos fale destes tipos, creo.
II. No libro "La pantalla global", de Gilles Lipovetsky, despois de páxinas de aburrimento coa excusa de historiar o cine contemporáneo e de metralla hermenéutica de baixo calado, un párrafo sobre os camiños que está a tomar o xénero documental sácame do meu sopor:
O neodocumental expresa a fin dos grandes sonos colectivos e dos profetas da modernidade triunfante. Cando se carece de grandes mitos mobilizadores, só queda coñecer mellor o presente para rectificar as súas derivas e os seus excesos; cando non se cre xa en utopías sociais búscase refuxio nun pasado imaxinario e idealizado: cando non se espera xa revolucionar o mundo, amósase, auscúltase dende o máis cerca posible, xa que é o único que nos queda para amar, detestar ou corrixir.
Se non leo mal: o triunfo absoluto do anecdótico é outro indicio máis dunha rendición que chega a todos os recantos da actividade humana. E outro síntoma de que algo insoportábel sostén o noso modo de vida contemporáneo, mediatiza as nosas percepcións de nós mesmos e dos outros e fainos morrer de inanición, entregados a observación das cousas minúsculas que pretendemos que pasen por ser as nosas vidas.
III. En "epiléptico", o tomo recopilatorio dos seis volumes que compoñen o cómic "a ascención do gran mal", do francés David B, poden lerse na última páxina estes versos de Pessoa:
Siéntate al sol.
Abdica.
Y sé rey de ti mismo
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario