2 de dec. de 2004

os tonechos no csic
o pasado martes estiven no centro de investigacións agrobiolóxicas do csic en santiago cun grupo de alumnos do meu colexio que levaron un premio por uns traballos sobre o cambio climático; houbo unha recepción para todos os participantes a cargo do director do centro e máis dúas investigadoras (supoño que a máis nova e a máis veterana), na que resaltaron a importancia de formar científicos e investigadores, de ter curiosidade polo mundo e intentar comprender o funcionamento da natureza, así como ser unha persoa preocupada polo destino do noso planeta, polo efecto que a especie humana ten sobre o medioambiente, etc, etc;

tras esto houbo unha pequena parada para tomar algo: iogures, mel de castañas, pastas e zumes todos proveñentes da agricultura biolóxica (termo que se refire aos productos cultivados sen fertilizantes nin plaguicidas); trala estrañeza inicial todos os rapaces (e había uns cento e pico) botáronse a comer sen complexos; continuamos cun paseíño polas instalacións, polo invernadoiro no que se cultivan álamos transxénicos manipulados para que poidan extraer metais pesados de terreos contaminados (parece tan sinxelo sobre o papel: basta con cambiar algunhas secuencias de nucleótidos dos adns dos álamos orixinais -emrioxénese somática, chamáronlle ao proceso, os rapaces quedaron mirando para nós con cara de susto cando soltaron a expresión), polas cámaras nas que se gardan os embrións iniciais que van para adiante (teñen unha taxa de éxito do 3 por mil), e polas instalacións en xeral do centro; sobre as dúas da tarde chegou o momento glorioso, a entrega de premios;

e, cando vai comenzar o acto, di o presentador, temos con nós a uns invitados moi especiais: os tonechos; e alí estaban, de paisano, con cara de estar recén saídos da cama, os dous mitos do humor contemporáneo na galiza, tímidos, algo asoballados polo griterío dos rapaces presentes; eu non daba crédito: unha maniobra boísima, dado o aburrimento no que soen derivar estas cerimonias; e os tonechos gañáronse a miña admiración: falaron de que eles non tiñan nin idea do cambio climático, nin de nada que soase a científico, pero que lles parecía importantísimo que os rapaces como os que alí estaban se interesaran por estes temas, que houbera concursos para premiar ese interese e que houbera profesores que os animasen e apoiasen para participar neles; foron simpáticos sen ser graciosillos, foron sinxelos e cercanos, e cando rematou a historia firmáronlle autógrafos a todos os rapaces e fotografiáronse con todos eles e máis cos investigadores do csic e os profes que alí estabamos (sí, confeso que salgo nunha foto -non eu so- cos tonechos e que teño un autógrafo que lle pediron os meus alumnos: willy, pasa de todo, tío!);

é curioso, coa pouca gracia que me facían, agora teño ganas de quedar diante da tele un venres para darme outra oportunidade; que tonto

[nota estadística: os catro equipos participantes do meu colexio eran todos de mulleres; dos trinta participantes que recollimos no noso traxecto a santiago vía moaña-marín-pontevedra, vinteoito eran rapazas; excepto o profe de pontevedra, o de moaña e máis eu, o resto eran profesoras (hasta doce); no auditorio, o 90% eran rapazas; no csic, excepto o director e un rapaz novo, o resto eran mulleres; saquen vostedes as súas propias conclusións]

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario