Estás lendo

EL humano, Diego Agrimbau y Lucas Varela




No zeitgesit da nosa época está incrustada inevitablemente dende fai algunhas décadas a posibilidade da apocalipse eco-climatolóxica. A lista de acontecementos que propician este estado de ánimo colectivo é ben coñecida por calquera que teña un mínimo de interese no tema: extincións masivas de especies animais e vexetais, aumento sostido das temperaturas medias na superficie do noso planeta, perda expoñencial de masas forestais (e da biodiversidade asociada), degradación dos nosos océanos por presenza de plásticos e de todo tipo de contaminantes, desaparición de ecosistemas completos, desaparición de glaciares e desxeo progresivo dos polos, aparecemento de fenómenos climatolóxicos extremos cada ano, degradación sostida das terras cultivables, avances continuados dos desertos e diminución das reservas de augas potables. As ficcións que recollen estes acontecementos acostuman a situar aos seres humanos en futuros máis ou menos próximos ao noso tempo coa intención de sinalar este momento exacto que estamos a vivir dende fai trinta-corenta anos como crucial no devir da vida na Terra. O obxectivo, ademais do simplemente ligado ao entretemento, semella claro: isto vai en serio, temos que rematar xa con este modo de vida no cal se seguen a considerar os recursos naturais como unha variable de valor infinito nas teorías económicas dominantes. As consecuencias de non facelo serán catastróficas e irreversibles, levando ao noso planeta nunhas poucas décadas a unhas condicións que farán practicamente inviable a vida nel .

El humano, malia compartir preocupacións temáticas con este estado de ánimo, despégase lixeiramente destas tendencias. Pegando un salto temporal considerable trasládanos cincocentos mil anos no futuro. Unha barbaridade en termos humanos pero un pequeno lapso en termos xeolóxicos e astronómicos e que lles serve aos autores para despregar unha interrogante máis que interesante: aniquilada a especie humana e rehabilitado o noso planeta para dar cabida á vida de novo, que sucede se aparecen outra vez algúns homo sapiens hipertecnolóxicos sobre a súa superficie?

Mesturando elementos da aventura fantástica e da ciencia ficción, este cómic convoca simultaneamente os espíritos de O corazón das tebras e de A máquina do tempo, partindo do feito consumado da apocalipse medioambiental como algo xa sucedido fai moito no planeta Terra, así como do papel crucial dos robots e das intelixencias artificiais na conservación da herdanza humana. De novo, esa cadea cuxos elos son a natureza, os seres humanos e os robots, que para autoras como Rossi Braidotti constitúen un continuo que define iso que se chama "o post-humano" aparece como elemento protagónico nun cómic. Baixo o pretexto dunha aventura fantástica nun contexto salvaxe, elementos da ciencia ficción máis ao uso combínanse para artellar unha reflexión de fondo calado sobre aquilo que permanece constante na natureza humana con independencia do seu contexto. Os enunciados destas reflexións, claro, oscilan entre a desesperación absoluta e un optimismo vacilante que, malia carecer de argumentos sólidos, abanéase sobre a corda frouxa da fe facendo piruetas con elegancia e intelixencia. Quizais o máis interesante -aparte da parella protagonista na cal o home encarna a irracionalidade que emana de certos trazos asociados ás masculinidades hexemónicas e a muller representa a racionalidade derivada tanto da curiosidade científica como dos cuidados e da protección dos afectos- sexan as intelixencias artificiais de distintos tipos que conviven con e dan soporte aos humanos. Estes personaxes semellan combinar unha inocencia primordial que os sitúa no territorio da infancia coa ausencia de sentimentos e a fidelidade ao seu código propia das máquinas, dando lugar con elo a entidades algo menos que humanas no terreo dos afectos ou as emocións pero máis que humanas no resto dos campos da súa experiencia.

O grafismo, debedor tanto dun Max hiperestilizado como dos tótems canónicos da liña clara franco-belga, resulta especialmente axeitado á hora de retratar esa terra proxectada no futuro, repleta de especies vexetais e animais estrañas pero con vagas reminiscencias do noso mundo coñecido na cal se instalan a parella protagonista e os seus robots.

Este debería ser un tebeo capaz de chegar a moitos tipos de públicos. As convencións do xénero (aventuras con elementos da ciencia ficción nun planeta terra do futuro sen humanos) están desenvolvidas con lixereza formal e gravidade temática, despregando preguntas de todo tipo, algunhas moi contemporáneas e outras máis intemporais, sobre a nosa condición como especie e o destino que nos agarda. É verán, a mellor época para darlle voltas a todo isto ben só, ben na compaña das nosas amizades, ou ben no lugar no que caben todas as nosas inquedanzas sen romperlle a cabeza con elas a ninguén en concreto. Este. Claro.




Comentarios nesta entrada

Anónimo

Antonio é o propietario das túas opinións.

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.