9 de maio de 2020

Día 57 da corentena

Paso os días lidiando co correo electrónico, as videochamadas co meu alumnado, a correción de exercicios e dúbidas, o ioga con Xuan Lan, os paseos a última hora do día, as lecturas espaciadas, dixirindo o mal final de Community e asistindo a ese lento retorno á normalidade que chaman desescalada, como se foramos alpinistas tratando de volver a casa pola ladeira dun monte que non coñecemos.

Sigo chamando ás cada vez máis espaciadas entradas deste blog "día x da corentena" sabendo que xa non estamos aí pero que tampouco estamos alá, do outro lado, plenamente. Atopámonos no interregno entre os dous tempos, intentando recuperar os pasos anteriores ao confinamento por camiños novos. Salgo a facer a compra con máscara e luvas. Damos paseos no horario que nos corresponde coa mesma indumentaria de facer a compra polos alrededores do noso barrio entre cafeterías coas persianas medioabertas nas que se pode ler: "só recollida de pedidos". Gardamos metros de distancia sentindo esa mestura estraña de preocupación e ridículo coma se foramos disfrazados fora de tempo.

O luns pasado estiven na miña librería de garda recollendo un pedido con cita previa. Foi moi raro. Non tocar os libros, falar coas máscaras de por medio, mirarse sen acabar de recoñecernos tras o trozo de tela que cobre as caras. Comprobar en persoa que a intranquilidade dos demais é a miña, que o medo a outro ciclo de peche nas casas está moi presente. Sentir a preocupación pola saúde propia e por outro parón da actividade económica. Volvín para casa, contrariamente ao habitual, máis preocupado do que saíra. Porén, o pasado mércores estiven, tamén con cita previa, na miña tenda de cómics de garda. O dono -tamén amigo de fai case dúas décadas- amosaba unha certa alegría contida pola reacción dos seus clientes habituais, pola fidelidade da comunidade de compradores que amosaran a súa preocupación polo futuro da tenda. Algo que eu daba tamén por suposto no caso da miña libraría -eu así llo expresei a amiga propietaria dela-, e que, en caso de ter ocurrido non deu o mesmo resultado. Ou si, pero non era un bo día, quen sabe. Penso que toda a xente que somos fieis ás nosas librerías de sempre compartimos a inquietude polo seu futuro e sentimos a necesidade botar unha man para que sigan adiante. Ese tópico "estar aí" expresable de mil maneiras en actos concretos.




Polo camiño, nesta corentena, quedouse a revista rockdelux da que era comprador dende fai uns trinta anos. Sinalada por moitos como a biblia do hipsterismo barcelonés e como a guía dos aspirantes a modernos (críticas expresadas con bastante habilidade aquí), non deixa de ser un exemplo da precariedade absoluta na cal se atopa o mundo da cultura no estado expañol.

A min, máis alá do lazo persoal (moitos discos, libros, pelis e cómics descubertos grazas a ela, moitos bos momentos de lectura, en especial no verán na praia co especial xullo-agosto cheo de areas e manchas de protector solar), dóeme ver que os proxectos culturais non duran e que nada se sostén máis alá dos heroísmos dos seus protagonistas se non hai detrás un respaldo económico potente con independencia da calidade do que se fai. E os proxectos que teñen esa fortaleza económica detrás, salvo contadísimas excepcións, están en mans de grandes grupos empresariais. Toda iniciativa cultural que se salga dos carrís das axudas institucionais ou do soporte da gran industria do entretemento está condenada, de sorte que só podemos limitarnos a facer apostas sobre o seu final. Esta é, para min, a lectura máis doente do peche do rockdelux: o legado cultural de longo percorrido, o que atravesa xeracións e décadas, sempre está nas mans que posúen os cartos, e este factor é unha das claves da dominación e da alienación que experimentamos no campo da cultura, o que nos fai sentirnos como bichos raros, alleos a esa gran maioría dos referentes maioritarios que experimentamos como marcianadas tóxicas que só nos producen estupor e sensación de absurdo.

En calquera caso, con todos os seus erros, que foron moitos, e con todas as críticas que queiramos, a desaparición dun proxecto cultural desenvolvido por un grupo de periodistas musicais durante case catro décadas debería polo menos ser motivo de certa tristura máis alá de filias e fobias particulares. Creo. Eu que sei. Aínda que, penso agora, se mañá pechase El País, por exemplo, eu estaría co champán na man, o cal contradí todo o que dixen nas liñas anteriores. Ao final semella que só importan as filias e fobias particulares? Parece que si. Creo. Eu que sei. Tablas?

3 de maio de 2020

Día 51 da corentena

Dende onte podemos saír a pasear en horarios pechados: de 6 a 10 AM e de 8 a 11 PM. É como se foran devolvernos a realidade a base de anacos. Doses pequenas para ir acostumando o corpo ou algo así. Onte saímos de 10 a 11 da noite. A primeira impresión é que todo segue igual de feo que antes da corentena. Co engadido de que todo semella ser parte dun inmenso decorado de cartón pedra. A realidade volveuse un parque temático de si mesma. Paseando polo monte do Castro -unha das escasísimas zonas verdes desta cidade- cruzábamos con outros nós equipados igualmente cos preceptivos chándales de domyos -penso que deben ser o uniforme oficial da pandemia. Pero eses outros nós parecían efectos especiais. Imaxes feitas por ordenador para atravesarse no noso percorrido. Estou seguro que se puideramos achegarnos o suficiente remataríamos por vernos os píxeles os uns aos outros, unha sorte de pegada espectral sobre as vellas rúas polas que estabamos afeitos a pasear despreocupadamente. Alternando as beirarrúas e a calzada -había xente pero era fácil manter dous-tres metros de distancia os uns cos outros- dimos voltas preguiceiramente mentres o solpor incendiaba as Cíes e unha capa de nubes azuis percorría o noso ceo colectivo. A medida que pasaba o tempo, como se estrenarasemos zapatos novos, fomos encaixando na nova nova normalidade esa, aos poucos e habituando todos os sensores do corpo con coidado. Xa de noite, pasamos por diante dunha tenda na cal había un cartel que dicía "feliz día do pai". A típica imaxe chocante e triste ao tempo que che fai pensar en futuros alternativos e realidades paralelas nas cales un sábado, pasado o solpor, a xente está a tomarse unhas cañas e un pincho cos amigos, facendo plans e intuíndo a sombra sinistra do luns feblemente, como unha nube pasaxeira no clima xeral de bo ánimo típico das noites de primavera.

Hoxe saímos de novo, en horario de 9 a 10 PM. Coincidimos cunha multitude da que deseguida formamos parte. Coa mascarilla posta e tratando en van de gardar a distancia de seguridade, intentamos repetir sen moito éxito o noso paseo de onte. Soamente cando nos introducimos nas calellas-desfiladeiro  do noso barrio puidemos apreciar unha diminución significativa na densidade de persoas por metro cadrado. É moi evidente que ninguén gosta da paisaxe urbana. Só a percorremos por necesidade material. O que nos mola é o verde, a liña do horizonte ao lonxe separando os dos azuis que nos enchen os ollos, o palpitar da natureza, a vibración particular que forman conxuntamente o rumor do ar, os cantos dos paxaros, o croar das ras que de súpeto habitan todas as charcas municipais. A ausencia do ruído do tráfico é outra evidencia do invivible das nosas existencias. Sen os automóbiles camiñamos polas calzadas e escoitamos o rumor constante das conversas e mesmo as pisadas acolchadas das zapatillas de deporte que calza case toda a xente. Somos paseantes non solitarios que estamos a decatarnos desde o máis profundo dos nosos corpos de canto de esnaquizante era a nosa maneira de vivir anterior a todo isto. Como se precisaramos do peche para asexar todas as posibilidades que o noso modo de vida actual ten deixado fora do noso alcance. Ao chegar a casa estabamos cansos -algo menos que onte- e as nosas miradas intercambiaban unha soa pregunta: que vai pasar agora?