[Escribín de forma apresurada esta entrada despois do festival Sinsal San Simón alá por xullo, coa idea de deixar por escrito algunhas ideas que me rondaban dende facía tempo. Por razóns algo idiotas decidín non publicala entón. Pasados tres meses, coa clausura do Sinsal X xa aí ao lado, creo que é bó momento para darlle unha oportunidade. Sexan benévolos.]
Paseniñamente, sen ruido, cunha forma de discreción que semella parte dunha estratexia de crecemento controlado, o festival Sinsal chegou este ano á súa décima edición. Parte da celebración desenvolveuse o pasado 14 de abril no MARCO de Vigo, nunha xornada de portas abertas no museo na cal as tropas sinsaleras tomaron as salas do Museo. O outro gran evento desta celebración foi o Sinsal San Simón, os dous días de concertos que tiveron lugar o 24 e 25 de xullo na Illa do fondo da Ría de Vigo.
Hai moito que dicir sobre estes dez anos e sobre o camiño percorrido dende o xérmolo que alá a mediados dos 90 plantaron con coidado e dedicación os responsables deste festival. Isto só será unha anotación de urxencia na que me deterei nalgunhas cuestións substanciais, noutras máis anecdóticas e na que ousarei dar algún consello, incluso.
Se algo ven chamándome a atención dos impecables-sorprendentes carteis que dende 2003 ven ofrecendo o festival Sinsal é unha certa tendencia a un disfrute da música filtrado pola aposta conceptual. Entre a opción corporal-hedonista-sensual e a cerebral-analítica-intelectual semella haber, no balance desta década, un certo escoramento cara a segunda das opcións. Cunha plétora abundante de excepcións, con gloriosos concertos de celebración exultante rondando o epifánico, pero sempre un pouco como opción B que merece ter o seu oco pero non ser causa principal no conxunto de motivacións para traer aos grupos, para deseñar carteis ou para planificar temporadas completas.
A consecuencia desta elección, que creo estratéxica e tamén enfocada a ofrecer unha experiencia menos usual da música, é un desprazamento do centro de gravidade da propia posición do oínte con respecto á súa presenza como público nun concerto, e tamén a construción silenciosa e persistente dunha certa lenda arredor dos concertos sinsaleros, edificada arredor de adxectivos que aluden á dificultade para disfrutar da música, para "entrar" no universo do non-canónico, da sorpresa permanente e o descoloque como norma. Como asistente regular a todo isto só podo dar grazas pola limpeza que supón para un mesmo enfrontarse a concertos que cuestionan a mesma idea do propio gusto, o canon persoal, o mitificado "universo propio de referencias persoais" e contribúen a tirar abaixo prexuizos de clase agochados como eleccións estéticas ou mesmo a enfrontarse á propia posición máis alá de ser un mero espectador.
Sintetizando un pouco, podería dicir que, como espectador do Sinsal, comecei a botar de menos fai un par de edicións catro coordenadas no festival: o sexo, a política, o baile e a mirada á tradición local posta ao día. Todas elas gardan unha relación coa música, todas elas están relacionadas entre sí de formas sutiles nalgún caso e de xeito complexo nalgún outro. Podería dicir que, o festival Sinsal, trascendendo o gusto persoal e mesmo a postura ideolóxica dos seus creadores, pon sobre o papel, senon unha ideoloxía si unha serie de pautas que trazan un retrato robot dun certo sector da poboación, daqueles que asisten aos seus concertos. Hai, polo tanto, un discurso posto enriba da mesa que, sen poder ser tachado de ideolóxico, si pode considerarse debedor de certa concepción do mundo, de determinadas prácticas sociais e do papel da música na configuración destas.
Asumamos que o tema do sexo é demasiado complexo para ser resolto aquí brevemente. Asumamos que relacionar música e sexo remite a tópicos algo desfasados e a concepcións da música que quedaron na cuneta da historia pero que deixaron un poso dificilmente eliminable de enunciación complicada. O sinsal X tería sido unha boa oportunidade para facer unha aproximación entre o perverso e o pícaro ás relacións entre música e sexo. Pero, pasada a romería, agardaremos entón á edición XI ou a XII sen, esperemos, chegar á XX, na cal, penso, a cuestión debería ser A CUESTIÓN.
O apartado da política, porén, resulta máis sinxelo de tratar en apariencia. Cando falo de postura política non falo de compromisos partidistas nen de discursos concretos sobre situacións particulares. "Política", no eido da cultura, evoca estas palabras de Bordieu "romper coa apariencia de unanimidade que constitúe o esencial da forza simbólica do discurso dominante". "Política", polo tanto, non só no sentido da xestión dos asuntos da polis, senón tamén atender a esa outra raíz "polemos", achegarse ao que dentro do sistema é antagónico, residual, marxinal, ao que está fora das liñas de forza do-que-hai. Claramente, a aposta musical de Sinsal apunta nestas direccións. A aposta Sinsal, polo tanto, ten unha vertente política en tanto que racha coas costuras do establecido como "gusto maioritario" e propón outras formas, outros modos de aproximarse ao eido da música. O perigo da estratexia está en quedarse aderido á etiqueta do "exótico normalizado", isto é, aquilo que está canonizado como a cuota aceptable de "cousas non habituais" no ecosistema cultural. A única forma -creo- de sortear este perigo é abrindo o discurso por fora do estritamente musical: a aposta debe subir un peldaño e dar a posibilidade de dar un contexto ás propostas musicais. O exotismo deixa de ser tal cando un accede ás súas claves internas, ás súas condicións de posibilidade, á súa historicidade, aos seus porqués. Isto significa establecer algunha clase de espazo de contextualización e algún tipo de xesto contextualizador. Pequenos pasos, creo, están empezando a darse nesta dirección.
Con respecto ao baile, lembro cando aínda eran "os felices 90" (ja!) ou o século XXI asomaba pola porta, e a sala vademecum era a capital do planeta dos clubes galegos. Chegabas a altas horas de madrugada cun grupo de amigos e, no mesmo espazo no que tocara o día anterior Mark Eitzel, unha fauna do máis variado estaba entregada ao desfrute hedonista dos ritmos de vangarda. Penso que parte desa herdanza -cristalizada no ascenso imparable do que foi durante anos a cabeza máis visible do equipo titular de Djs da casa, Viktor Flores- perdeuse polo camiño na transición ao festival Sinsal, e, moitas veces, desconectado por completo da escea, pregúntome que pasou con esa vena hedonista e desparramada, entregada á causa dos corpos en trance nun océano de baixos e samplers con vontade sensualista, que foi de toda esa enerxía consgrada ao suor, ao movemento, á catarse do trance físico colectivo baixo o paraugas da proposta do Dj de turno.
Queda por tratar, neste repaso apresurado, nesta lista de urxencia, unha das cuestións capitais que atravesan o festival: que ocorre coa herdanza musical "propia", coa tradición folk galega, co substrato musical obliterado e ignorado conscientemente pola gran maioría do público do propio festival. Despois de ver pasar a músicos de todo o planeta -non esaxero- polo festival a un sorpréndelle o exiguo da presencia de músicos galegos, e, dentro destes, a ausencia total dalgunha proposta enmarcada dentro da etiqueta "tradicional pero posto ao día" ou algo semellante. Dende o meu punto de vista, hai algo profundamente incrustado na nosa autoimaxe como pobo nesta ausencia clamorosa. "O que se fai aquí", semella non ter ningún representante que estea "á altura" que "dé o nivel", ou que faga "algo interesante". Non sei cal é a razón de esta ausencia que, como se fora un burato negro, aumenta edición tras edición, erixíndose en sombrío reverso do propio festival, en negativo ominoso dun acontecemento cultural de dimensións incalculables que debe buscar fórmulas ou idear mecanismos para facer xustiza as propostas musicais de aquí ao lado, obviadas, ignoradas e, posiblemente, desprezadas por ese público ao que levan xa unha década educando na apertura de orellas e na constante reelaboración do propio gusto. Non sei cal é a fórmula nin o camiño a seguir para paliar esta ausencia, pero si penso que é algo necesario, que debe ser levado a cabo case como reparación: a repercursión que tería dentro do propio sistema cultural galego, e a súa importancia como xesto normalizador parécenme fundamentais neste momento histórico concreto. Sería interesante, ademais, observar cal é a resposta do propio público do festival: somos tan abertos de miras como pretendemos ou existe un código oculto de músicas prohibidas ás que non nos achegaríamos nin aínda que nos pagasen?
Isto é todo. Longa vida ao Festival Sinsal.
Nada.
Decirte que tu libro "Mágoa que non sexas unha robaliza" me cambió la vida.
¿Qué posibilidades hay de tomarnos un café y que me lo firmes?
Concordo fondamente coa última parte do post, mais habendo algunha proposta digna de representar a categoría musical da que falas, penso que o fenómeno recae na escea (supoñendo que exista) e non festival, que reflicte a situación. Concordo tamén que sería unha mostra máis do avanzado e vangardista do impagable Sinsal.
Adorei o post e adoro Sinsal, longa vida!
Mágoa que non sexas unha robaliza e o mellor libro que teño atopado na miña vida.
¿É certo que a segunda parte chamase Mágoa que sexas unha maragota?
Sinsal se come más sano.
"Mágoa que non sexas unha robaliza" va a ser llevada al cine. Dirige Antón Reixa,guión adaptado de Manolo Rivas y papel protagonista para Luis Tosar. Pilar Bardem hace de abuela.
Deberías escribir un libro en gallego. Otro si contamos el famoso. Lo digo totalmente en serio.
Publicar un comentario