Estás lendo

O neno da bicicleta, Jean Pierre e Luc Dardenne (2011)



Máis alá do papel que deben xogar as institucións, máis alá dos roles que dicta a sociedade, máis alá dos dictados de calquera ideoloxía, Samantha [a protagonista da película] ten o valor de asumir un compromiso individual ante a dór allea.

(Eulàlia Iglesias, no Cahiers du Cinema España de outubro de 2011 na súa crítica da película)

Un rapaz cunha camiseta vermella subido a unha bicicleta. Todo o argumento da película concentrado nesta imaxe. A esta mancha en fuga que atravesa a pantalla a diferentes velocidades: cargada de decisión na primeira parte, entregada a un ritmo calmo na segunda, botando faíscas nerviosas no seu paseo polo borde da lei na terceira e, finalmente, instalada no ritmo plácido de quen ten atopado un camiño polo que andar alomenos cun mínimo de seguridade.

O primeiro que chama a atención é ese signo cromático que porta coma un estandarte durante toda a película o protagonista. Un sinal de alarma permanente que non deixa un momento de tranquilidade e que nos lembra que, no espacio diexético do filme hai unha alerta que non cesa, un aviso sempre en primeiro plano de unha urxencia que non remite. O signado, claro, non é gratuito. Sen nai, e cun pai do que pronto saberemos que é un desertor sen escrúpulos da súa función como tal, o protagonista está en mans dos mecanismos de acollida do estado. Quizais para un adulto a labor de recollida poida ser asumida máis ou menos problematicamente, pero para un neno de doce anos é simplemente unha tarefa imposible, un trauma non asimilable.

Ciril, así se chama o portador do signo vermello, aparece ante nós coma o resultado dunha deserción evidente, a do pai, a da función paterna. Pero sendo esta grave, é máis terrible o baleiro estrutural da nai, da función materna. Dalgún modo esa función paterna é asumible pola institución social, a inscrición simbólica vai parella da cobertura das necesidades básicas e da regulación da vida cotiá. Pero a función materna, esa identificación primordial da que nacerá a nosa necesidade de amar e ser amados non é soportable por unha institución. Ciril corre na súa bici crendo perseguir a figura dun pai, cando, sen sabelo, está ansiando a figura dunha nai.

Coma se fora unha coincidencia misteriosa, Ciril abrázase na consulta dun médico na que entra escapando dos axentes da protección social a Samantha, unha muller tranquila que leva unha vida plácida sen problemas graves, que non ten fillos pero que non amosa necesidade deles, que está nuns indefinidos primeiros trinta anos nos que todo semella posible da man dun asomarse a unha madurez que se divisa no horizonte vital. A muller, conmovida pola decisión de Ciril de atopar ao seu pai, ofrécelle un trato ao neno: pode quedar con ela as fins de semana mentras busca ao home que el cre estar buscando. Na consulta do médico, Ciril recibe unha sorte de inesperados primeiros auxilios.

A confirmación da deserción paterna leva a Samantha a tomar unha decisión vital: adoptará a Ciril se el decide adaptarse ás reglas dela. Nun xesto de xenerosidade que devén acto ético pleno pola súa rotura coas posibilidades posibles a priori, Samantha cubre ese baleiro estrutural do comezo: a función materna ausente é asumida inesperadamente por unha muller. Ciril atopa algo que non sabía que estaba a buscar, o seu vagar furioso na procura dun pai é un erro que o leva á solución correcta.

Neste punto, non todo será fácil para el nin para ela. Cada un deberá pagar un prezo pola súa reinscrición nunha nova orde simbólica. Ela romperá co seu mozo e el verase obrigado a cometer un delito polo que despois pagará para certificar que deixou atrás a fascinación por esa figura paterna que o deixou abandoado.

O relato, descobrimos, vai xirando sobre a fundación dunha familia, unha vez máis, e do prezo a pagar por ese xesto fundador neste momento histórico concreto. Ciril ven de abaixo, do peldaño que precede ao abismo do lumpen, carece de rede social real que o protexa, e, polo tanto, deixado en mans dos servizos sociais intúe un futuro sen posibilidades de levar algo parecido a unha vida. A súa fuga fronte a ese proceso gravitatorio que o vai arrastrar cara ao abismo está expresado no seu vagar en bicicleta continuado na procura dese pai que semella o seu último asidoiro, cando en realidade o que o move é ese baleiro materno. Ciril busca algo erróneo, pero a súa busca é correcta e iso é o que, finalmente, establece un principio de salvación para el.

O paralelismo nai-sociedade da luz á toda a película. A inscrición na sociedade está naturalizada se un ten a experiencia de algo semellante a unha familia. Sabemos que hai familias que de-socializan, claro, pero a experiencia familiar semella fundamental para ocupar un lugar no seo da sociedade. Samantha executa un xesto que semella persoal -ese compromiso individual ante a dór allea- pero que, no fondo, ocupa o lugar no cal o ético e o político anúdanse con forza. Samantha encarna unha idea de igualdade, de fraternidade e mesmo, ao darlle un lugar concreto a Ciril, un marco de referencia estable, unha idea de liberdade posible.

A película xoga, polo tanto, con diferentes niveis de simbolización, e, malia o seu naturalismo formal deixa emanar unha potente carga ideolóxica nos tempos que corren do sálvese-quen-poida: é posible facer algo, sempre o é, e aínda que todo pareza apuntar a que calquera iniciativa que se tome estea dirixida ao fracaso, o mesmo feito de levala a cabo establece un punto de fuga fronte ao dominante, ao que consideramos natural por ser presencia asfixiante. Un xesto particular sempre remata por seren político e arrastra con el unha constelación de consecuencias, de alumbramentos e iluminacións para outros. Permear o noso contexto deses xestos, remata dicindo o filme, abre camiños impensables, e o subraia con ese fermoso e conmovedor plano final de Samantha subida á bicicleta de Ciril, Ciril subido á bicicleta de Samantha, cada un fóra do seu sitio predefinido, incómodos pero camiñando xuntos pese a todo. Sempre é pese a todo.

Comentarios nesta entrada

Félix Lope de Vega

No habrá películas normales......adaptaciones de nuestro glorios Siglo de Oro.....no las habrá..

Willy S.

Xa sabe... "Más mata esperar el bien que tarda que sufrir el mal que ya se padece"

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.