Estás lendo

"A vida privada xa non existe na URSS!!!"



Fai un par de semanas voltei ver "Doutor Zhivago", a crónica da revolución de outubro de 1917 e as súas consecuencias dende a óptica dun médico-poeta que asiste á destrucción da orde existente e posterior levantamento dunha nova en estado de shock mentras o vento da historia leva por diante as alegrías e miserias da súa vida e daqueles que o rodean. A película, baseada no libro de Boris L. Pasternak, mira con simpatía para esta alma sensible que simpatiza cos revolucionarios bolcheviques ao tempo que mira de esguello para os cambios que acontecen na súa vida de burgués-intelectual acomodado. As esceas da chusma que ocupan o palacio no que solía vivir obrigándolle a morar nun espazo de apenas vintecinco metros cadrados son unha mostra do posicionamento ideolóxico do director e do autor do libro: as almas sensibles que simpatizan intelectualemente coa revolución asisten alporizados ao proceso de destrucción do palacete, á invasión de xente sen recursos que os mira con desprezo e, sobre todo, á toma de poder dunha maraña de membros do partido que actúan de comisarios ideolóxicos e de axentes políticos ao servizo do camarada Stalin, vixiantes e ávidos de descobrer aos traidores á revolución. A película -isto non o lembraba- remata suficientemente mal para ser un produto hollywoodiense, seguindo máis a lóxica interna da narración que a lóxica das taquillas estándares e abre tras o seu visionado un espazo interminable no que plantearse cómo dotar de contidos positivos aos plans teóricos para cambiar o estado das cousas e as consecuencias imprevisibles de todo proceso revolucionario, entre as que a traizón aos propios principios está implícito no propio proceso e a chegada ao poder dos criminais e delincuentes é unha posibilidade máis que os seus promotores non acostumbran a ter en conta.




Non puiden evitar relacionar o visionado da película cun comentario de Alan Badiou no seu libro sobre o século XX (comentario que tamén recolle o fuco nunha das súas magníficas entradas habituais -"restauración") argumentando que este foi o século da "paixón polo real", no cal puxéronse en práctica todas as ideas escritas e discutidas no século anterior. Para Badiou, o século XX na súa versión "curta" (1917 - 1989), levanta acta dun compromiso coa realidade por parte de millóns de persoas que, simplemente, negáronse a aceptar "o que hai". Vale, é un reduccionismo esaxerado mesmo para unha entrada dun blog intelectualmente frívolo como este, pero nesa simplificación hai un núcleo de verdade: vivir para "a Causa" exclúe esa retirada do mundo que é vivir para a "vida interior" (esa ficción narcisista que busca dar sentido a vida a base de autonarrarse) e para o hedonismo soft que son as marcas de clase da maioría de nós a estas alturas do século XXI.

Fala Zizek no seu libro "en defensa de causas perdidas" do cruce fatal da biopolítica (vivir para coidar a saúde, para adicarse ao cultivo de un mesmo, para a preservación de si como causa suprema) coa pospolítica (a afirmación de que non hai ideoloxías nin loita de clases nin nada parecido, senón a simple xestión do que hai no marco da democracia liberal), e propoñe -seguindo a Badiou- como remedio e superación de ambas cousas a volta á militancia, á vida fóra de un mesmo, ao enfrontamento co real arriscando o confort material e as certidumes mornas do día a día, á recuperación da política como un máis alá da mera democracia liberal que cuestione o marco existente e sinale o discurso dominante que naturaliza a desigualdade e que obvia os antagonismos inherentes á constitución das nosas sociedades. Dalgunha forma está dicindo "prohibamos a vida privada!!!". É dicir: deixemos de lado esa retirada ao interior da nosa domesticidade no que estamos inmersos. Fagamos algo coa escasa carga subversiva que reste nas nosas prácticas culturais: todo o remanente de creatividade que persiste nos nosos gustos procede dun xesto inicial subversivo desactivado e convertido en mercadoría nun catálogo de produtos culturais. Recuperemos esa enerxía intanxible e tratemos de ligala cos seus xestos fundadores.

Di Lacan que a angustia é o único afecto que nunca minte. A nosa, traducida no día a día nunha constelación inacabable de síntomas, é consecuencia dun desaxuste profundo entre a vida que levamos e a que deberiamos levar, a expresión dunha tensión que nos erosiona dende dúas frontes: a conformidade ante o estado das cousas e a sensación de que o noso delicado equilibrio persoal está sometido as agresións permanentes do mundo que habitamos sen que podamos facer nada para cambiar ou modificar o existente. Ante isto, a proposta é clara, saír de casa, botarse as rúas á busca dos cómplices, dos futuros camaradas (!!!), do encontro real cos outros que posibilite -Badiou de novo- un proceso de verdade no cal nos podamos constituir como suxeitos: política, arte, ciencia, amor, entendidos como algo máis que meros entretementos persoais aos que adicarse como hobby caseiro no interior dos nosos bunkers domésticos. As posibilidades de fracaso son inmensas, o sufrimento e a dor que conleva o proceso de proba-erro serán proporcionais á magnitude das apostas, os desgarros vitais inherentes serán inevitabeis, pero a recompensa, unha vida "de verdade" (dentro do que cabe) e non un simulacro autosostido dende a ficción dunha vida "sen complicacións" debería ser alicerce suficiente.

En fin, que lles vou contar que non saiban.

Comentarios nesta entrada

Torcinho

"saír de casa, botarse as rúas á busca dos cómplices, dos futuros camaradas (!!!), do encontro real cos outros"

Quere dicir como fixeron o domingo os camaradas da praza de san pedro.

Porco Porco
Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.
Willy S.

Aviso a comentaristas: os copia-pega de textos de Goebbels e outros animais da mesma especie son considerados spam polo administrador deste blog.

Un saúdo.

Anónimo

Comentario suprimido
Un administrador del blog ha eliminado esta entrada.

blackemperor

Bien hecho Señor Sifones.
Quien no piense como nosotros, al gulag a recoger chapapote.
Con cossim@ de politruk.
Si quieren libertad que vayan de tertulianos a Intereconomía TV.
El pensamiento libre non existe neste blog.

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.