Estás lendo

Foxcatcher (2014), Bennet Miller



No país que inventou o turbocapitalismo teñen un problema grave co seu pasado. Máis que historia, cabería falar de ferida. O pasado norteamericano é unha ferida inmensa que supura por lugares distintos de moitas maneiras moi variadas. En Foxcatcher este tema é o pano de fondo de toda a historia, o contexto que dá significado ás accións dos protagonistas, a sombra que os persegue e da que non son conscientes. Unha presenza que sobredetermina as súas accións.

O argumento está baseado nunha historia real: o herdeiro da multinacional Dupont decide patrocinar a un campión olímpico de loita e montar un equipo que estea en condicións de disputar as medallas en Seul 88. O elixido é o irmán menor doutro campión a cuxa sombra vive, incubando un resentimento xordo que se mestura co afecto sinceiro que sente por el.

O multimillonario (un Steve Carell que debeu ver moitos capítulos dos Simpsons para empaparse do personaxe de Montgomery Burns) é un ser irremediablemente danado: á seu grisura absoluta une o desprezo dunha nai distante e xélida e a mirada condescendente -cando non despreciativa- dunha contorna que só lle recoñece a sorte de ser o herdeiro final dunha saga de plutócratas. A súa fortuna está construída sobre as ganancias procedentes da industria bélica. O seu diñeiro, pois, como gran parte das fortunas norteamericanas, ten a mancha indeleble do sangue. E, unida a esta, a corrupción emanada de toda a morte que serviu de abono para o seu crecemento. Steve Carell, último herdeiro dunha saga de traficantes de morte, chega, pois a ese punto borroso entre os corenta e os cincuenta e atópase con que nunca fixo nada por si mesmo, excepto gozar dunha vida asulagada por uns beneficios materiais desmesurados.

Como retrata Bennet Miller esta atmosfera de descomposición e podremia que rodea ao protagonista? Empregando unha paleta de cores mortecina na que predominan o gris pálido e o azul desvaído xunto a tons ocres e verdes sen apenas brillo. Empregando lánguidos movementos de cámara que percorren as estancias da súa mansión con preguiza, ao ralentí. Mostrando unha natureza estraña, exhuberante e domesticada á vez, coidada pero desprendendo un estraño aroma relacionado con certo grao de artificialidade. E, por último, encaixando aos personaxes en espazos pechados que oscilan entre o claustrofóbico e o sinistro. Estas catro patas crean un ambiente funerario que envolve ao seu personaxe. Pero o punto definitivo para o seu retrato son os planos centrados na súa cara. Paralizada nun aceno permanente de desgusto e desengano é obxecto de todo tipo de miradas desde ángulos moi distintos. Un poliedro de fatiga e resentimento que, baixo a cambiante luz dos escenarios que transita, só mostra un catálogo interminable de matices da palabra "decepción". O herdeiro Dupont non está vivo, só ten miles de millóns de dólares e nada que mereza a pena facer co seu tempo.

Do outro lado do ring, os perdedores. Os dous irmáns loitadores. Un deles, o que debe ser a clave de bóveda do equipo de Dupont, é outro ser ferido doutra forma. Orfo e coidado polo seu irmán maior vive reconcentrado na procura dunha identidade propia que é incapaz de conformar entre o seu desarraigo emocional e a súa penuria material. O encontro co multimillonario e as súas promesas de riquezas e gloria inmediata abren ante el un horizonte inesperado, un lugar ao que dirixirse, un punto desde o que poder afirmar algo sobre si mesmo. O seu rostro, enfocado nun permanente primeiro plano cargado de crispación é a superficie dunha tormenta interior interminable, un lugar de devastación que xoga na película ao nivel dos escenarios polos que se pasean os protagonistas.

O ritmo da película é lento, tortuoso. As accións dos protagonistas son ínfimas. Os irmáns adestran e prepáranse para as olimpíadas. O millonario dirixe os seus negocios. As pausas son eternas. As súas vidas (a do millonario e o menor dos irmáns) feitas de tedio e insatisfacción, son devanadas mediante un tempo que parece unha cousa sólida, un bloque pétreo que pesa toneladas. A cámara detense con frecuencia en escenas de intimidade en descomposición nas cales os dous personaxes protagonistas recoñécense como seres atrapados nunha paisaxe en cinzas. Nos escasos momentos en que deben tratarse da forma na que se supón que os seres humanos trátanse entre si, un halo de estrañeza permea as escenas, unha sensación como de ortopedia nos xestos e nos movementos crea unha atmosfera enrarecida e densa que converte cada segundo en moléculas dalgún gas irrespirable.

O millonario herdeiro do imperio da morte pecha o ciclo familiar dunha forma extremadamente simbólica: a súa fortuna nace da morte industrial, así que a súa desdicha farao tamén, só que a un nivel máis modesto. Os perdedores da Historia, dinos a película, só poden limitarse a ser perdedores das súas propias historias persoais. Remata o filme. Sentimos que algo desagradable sobre as nosas sociedades, sobre a riqueza material, sobre a loita de clases que viven os nosos tempos e sobre a impotencia da individualidade contemporánea acaba de sernos dito ao oído. Algo que soa fatal e que recoñecemos sobradamente.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.