Estás lendo

Proba de retorno #03

traxe, paxe, garaxe, personaxe

A secuencia de palabras máis coñecida da lingua galega (creo). Catro verbas desconectadas entre elas no campo do significado pero enlazadas musicalmente entre si pola rima consonante derivada da súa inserción nunha especie de aliñación cósmico-lingüística.

Da época na cal no colexio ensinábanme o galego en castelán e na cal a miña nai falaba coa súa nai en galego e con nós na mesma habitación nun pulcro castelán, lembro, nítido coma unha oración, como un mantra salvífico, este conxunto de catro palabras, impenetrable e opaco á busca de significado pero atraínte na súa plasticidade.

Da época na cal o galego era un capricho incomprensible inscrito no sistema educativo e a miña aldea un lugar exótico ao que achegarse as fins de semana quedoume como banda sonora esta especie de rap que gaña en intensidade palabra a palabra: arranca coas dúas sílabas de traxe, persevera en elas co paxe para asegurar a posición, gaña peso coas tres de garaxe e ocupa o universo enteiro coas catro de personaxe. Eran os días de correr pola eira da miña avoa perseguindo galiñas que xa non poñerían ovos nunha semana do susto e de mirar con fascinación de urbanita desarraigado o fato de ferramentas coas que os meus avós daban sentido físico a palabras que tardaría décadas en entender plenamente.

Hai unha tribu pequena e idiota (no sentido orixinal da palabra: un ciudadano privado e egoísta que non se preocupa dos asuntos públicos) que comparte como himno segredo esta concatenación de verbas. A secuencia resulta tranquilizadora porque é unha especie de test de memoria (non teño Alzheimer: lembro perfectamente cousas inútiles aprendidas na escola) e, ao tempo, un distintivo de competencia nunha lingua non utilizada (non falo galego porque non me gusta, pero se me poño, mira, ata me lembro desta regla lingüística que non sei para que coño servía). É o himno subterráneo dunha patria imaxinaria sen historia. Hai unha tribu non tan pequena e idiota (no sentido actual da palabra) que mira cara atrás no tempo e, na bruma da súa infancia, non distingue o significativo do insignificante, e traslada ao terreo do sentimentalismo o sedimento histórico-social que cristaliza na súa persoa convertíndoo nunha expresión da súa persoalidade propia, da súa refulxente individualidade persoal.

Todas as palabras rematadas en -axe son femininas.
En realidade todas as palabras que coñezo son femininas.
Todas.

Comentarios nesta entrada

Manuel

Comparto moitas das vivencias das que falas e por iso me resultan familiares os sentimentos que tan ben reflictes.

W. Sobchak

cousa bonita de post

Porco Celta

aldraxe

Willy S. O administrador

Manuel, hai unha historia subterránea de milleiros de galegos cuxos pais pasaron de vivir na aldea a vivir na cidade. A peaxe: desmemoria da propia historia, olvido da lingua propia, rotura co mundo dos avós, estrañeza ante a cultura de orixe. Non hai épica nin drama persoal pero si unha traxedia colectiva que ten lugar aínda hoxe coa imperciptibilidade dos grandes cambios xeolóxixos.

Willy S. O administrador

Mr. Sobchak, graciñas por pasarse por aquí, a estas alturas, e deixar comentarios así, xenerosos de máis!

Don Celta de Estorde

Aprovecho el Pandæmonium para informar de manera oficial que un grupo de lansquenetes del odio, hemos decidido fundar el lobby de presión cervecera Tityre Tu para mantener incólumes las nórdicas y sagradas esencias de la Fratría.

Un saludo.

Gattuso

el sábado no faltó ni Johnny Fontane

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.