Estás lendo

contra o trending topic

Son usuario de twitter dende fai un par de anos. Ao principio pasaba bastante do invento, miraba de cando en vez os tweets dos meus catro ou cinco contactos e pensaba para min mesmo, para qué carallo quero isto.  Ata que fai cousa dun ano empecei a agregar á miña lista de contactos a xente relacionada co xornalismo, a televisión ou o cine e a cousa comezou a volverse peligrosamente adictiva. Fronte a esa síntese dialéctica de opcións  interneteriles que é o facebook -ao cal, o confeso, estiven enganchado uns meses, para rematar deixándoo case de lado recentemente-, twitter ofrece un formato ultrareducido sen posibilidades extra. Dalgunha formai vai ao esencial case sen querer: 140 caracteres e a posibilidade de engadir enlaces gracias aos acortadores de URLs. Un ten que esforzarse por facerse un oco ante o festival de píldoras do enxenio que inundan o seu timeline nun fluxo sostido e ininterrumpido: non basta con ser graciosillo o simpático, os 140 caracteres supoñen a necesidade dun verdadeiro esforzo mental para gañarse un posto na xungla dos twitteos.

Fronte ao facebook e ao seu botón de "gústame" xa elevado a zeitgeist, a gran innovación do twitter é, sen dúbida, o "trending topic", unha especie de encarnación textual hiperconcentrada de que cousas lles están a preocupar aos centos de millóns de tuiteros do planeta enteiro. Superando en capacidade de actuación sobre a realidade ao "gústame" de facebook, o trending topic ofrece unha permanente posta en escea da tensión entre o que está a ocorrer, o que se conta sobre isto e como o que se conta afecta ao que ocorre. O trending topic ten unha capacidade performativa inédita até o de agora, e a súa forza nace da indecibilidade sobre cando vai a xorder, sobre os temas nos que se centra e sobre o número de habitantes da nación  twitter que van a subirse ao tsunami microinformativo que leva consigo.

Porén, hai algo perturbador neste fillo bastardo da inmediatez da experiencia internauta e a súa retroalimentación cos medios de comunicación tradicionais que teñen conta en twitter. Un tuiteo chega a trending topic cando, atravesado o primeiro círculo dun emisor con poucos seguidores, é retuiteado por algún usuario de grao medio-alto -como os xornalista deportivos Julio Maldonado (AKA Maldini) e Michael Robinson, por exemplo, con 75.000 e 63.000 seguidores respectivamente, ou o galo do galiñeiro hispánico, o xornalista Ignacio Escolar con 40.000-, e de ahí a toda a nación twitter en lengua española (a nación tuiter en galego e bastante máis pequeniña). É dicir, sen a colaboración dos xornalistas dos grandes medios de comunicación é complicado que un tuiteo chegue a trending topic. Polo tanto, horizontalidade e participación do internauta de a pé, si, pero sen pasarse, que os que cortan o bacallao son finalmente os que o fan nas cúpulas dos medios de comunicación tradicionais.

Non é esta a miña crítica principal. O que de veras me produce pavor e o momento no cal unha faísca de indignación convértese de súpeto no arranque dunha reacción en cadea que pode tirar abaixo unha votación do parlamenteo europeo -o caso dos vós en primeira clase dos eurodiputados- ou a eliminación dun noxento artigo obra dun xornalista neofacha no xornal "El Mundo".

A instantaneidade anula a reflexividade. Mesmo aínda que sexa por causas "xustas", non debería ser posible que o que non pasa de rabieta caseira acade resonancia mundial nun par de horas. Unha lectura psicoanalítica superficial vería en todo isto un rasgo máis dese estar instalados no estatuto do goce que domina a configuración das nosas sociedades contemporáneas. Se o fetichismo da mercancía está hiperrofiado arredor do obxecto "información" é por algo: ofrecida en cascada, interminable, autorenovada permanentemente, a información ofrécese como un magnífico obxecto para a pulsión: repetición, goce, adicción. E o twitter e o epítome de todo isto: se un segue a máis de 100 tuiteros, pode ter un fluxo de mensaxes da orde de un par por minuto. Todo o tempo está pasando algo, e un pode dirixirse directamente aos autores das mensaxes, sexan persoaxes anónimos supergraciosos, directores de cine indignadísimos, xefes de redacción de xornais líderes da edición en España e Latinoamérica ou humoristas televisivos que non saben que facer nos ratos de espera entre escea e escea. O twitter produce a falsa sensación dun mundo de iguais, horizontal na posibilidade de interpelarse mutuamente, e, sobre todo, infinito na súa textualidade: as mensaxes nunca rematan, configurando un discurso personalizado no que se intercalan o serio co frívolo, a cita culta co exabrupto e a vulgaridade máis facilona, o chiste malo e a perla de enxenio que se queda no teu cerebro, os datos científicos máis estraños e os titulares de política máis impactantes. Todo cabe nun timeline medianamente diversificado, ao modo dunha wikipedia anárquica construída a golpe de titulares e ocorrencias.

O acto reflexo sempre é o mesmo: algo nos sacude, escribimos sobre iso, inventamos unha frase enxeniosa, facemos alarde do noso baúl de citas efectistas, insinuamos que o que se ve é unha parte do que está baixo a superficie dos 140 caracteres e cruzamos os dedos esperando que o noso lanzamento sexa lido por algún usuario de grao medio alto para que o dispare ao olimpo. E o olimpo é o Trending Topic.

Pero se o exabrupto instantáneo ten capacidade performativa pola realidade, significa isto que a masa tuitera está en condicións de atacar de raíz ao que é estrutural nas nosas sociedades? É evidente que non. O Trending Topic, se amosa algo de forma cruel, é a solidez do sistema. Pode conseguir atacar ao ruido con máis ruido. Pode facer avergoñarse a uns cantos políticos espabilados ou a algúns xornalistas nostálxicos do franquismo, pero, en último termo, amosa a fortaleza de todo o tinglado, a imposibilidade real de facer fronte a "o que hai". Fomentando, de paso, a ilusión alucinada e autista de que si se pode, a golpe de teclado e de arrebatos sen meditar, transformar cousas, cambiar estruturas, facer temblar os cimientos de todo. E así, unha vez máis, embobados polo resplandor da tecnoloxía do momento seguimos facendo o mesmo coa convicción de que as cousas están cambiando dalgunha forma, cando a sensación, creo eu, é que non hai nin siquera a posibilidade lonxana de tocar o núcleo duro de ese "o que hai", invulnerable a cambios tecnolóxicos e, por suposto, a unha sociedade na cal o vínculo social está no seu peor momento.

Comentarios nesta entrada

Kaplan

Estou na súa primeira fase: teño conta en twitter hai meses, pero non lle vexo a graza. Tanto é así que nin puxen o enlace cando refixen o blog (a ver se o fago logo).
Pode chegar a gustarme o dos 140 caracteres, pero daquela, que deixo para o blog? Sinto que se fan a competencia, e prefiro o blog, ainda que despois do que vde conta non sei que pensar.
Salvando as distancias, sempre me gustou máis a novela que o conto.
Saúdos.

cossimo

#nonaorecortedecaracteres

O Fuco

Se isto fose facebook, a este post poríalle un "gústame"

willy

trending topics: #quefacer, #quefacercoaexpresiónquefacer, #faceralgoperoque, #etc

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.