Estás lendo

Mark Kozelek e Laetitia Sadier. SINSAL 9

Esta fin de semana estiven de concertos. Animado polo subidón que me produciu o pasado mes de xaneiro a visita de Joanna Newson decidín achegarme a escoitar o sábado a Mark Kozelek no Auditorio do Concello de Vigo e o domingo a Laetitia Sadier no Salón Teatro de Santiago.

O concerto do primeiro resultoume demasiado monótono. Ese "algo" seu que nos discos provocaba unha sana sensación de tristura e semellaba ser unha delicada invitación para mergullarse nos estados de ánimo máis terminais, no directo do pasado sábado quedou a medio camiño das súas intencións. Un sopor considerable invadiume dende a primeira canción, de xeito que, para a miña vergoña, rematei dando pequenas cabezadas nalgúns momentos, envolto na bruma da súa voz saturada de reverb e no virtuosismo instrumental que exhibiu coa guitarra. Un concerto estraño: apelando a unha especie de tristura íntima rematou producindo un distanciamento insalvable. Supoño que a culpa, como en todo, estivo repartida. Por unha banda un oínte que esperaba outra cousa (recuperar as sensacións de ánimo invernais de Rollercoaster ou Brigde) e pola outra un intérprete cunha proposta sonora complicada na que virtuosismo e distancia combináronse fatalmente para esnaquizar calqueira posibilidade de achegamento ás cancións pola vía sentimental.

O concerto da segunda, pola contra, sendo igual o formato, resultou todo o contrario. Facendo bandeira de certo amateurismo instrumental, Laetitia Sadier conseguiu gañarse a todo o público dende o primeiro minuto. As inflexións da súa voz, convocando na nosa memoria os ecos dos Stereolab menos animados, e a suave melancolía das súas letras (tamén tivo os seus momentos de precipicio emocional) produciron certas ondas de calidez entre o público que chegaban nítidas á cantante que demostraba o seu grato estar a gusto nese momento e nese lugar. O repaso guitarra en man das súas cancións de The Trip -un disco que soa totalmente stereolabiano-, nú e despoxado de calqueira arranxo instrumental resultou sendo unha ceremonia de celebración das emocións pequenas, unha sorte de cálido encontro cun vello amigo que nos contara as súas andainas dos últimos tempos pasado o esplendor da mocidade, albiscando a falta de luz e de calor que trae a idade. Abafada polo entusiasmo do público, ao final do concerto Laetitia dixo "síntoo, non teño máis cancións". Aplaudimos e marchamos d´alí un pouco máis contentos, un pouco máis sentidos, un pouco máis de todo.

Comentarios nesta entrada

sihomesi

Sería posible que recibiras un cuestionario?

Willy S.

claro que si, doulle o meu correo?

O Fuco

Moitas grazas por subires o vídeo de Laetitia. Unha mestura de preguiza e despiste fixeron que me perdese os dous concertos e mira que en tempos escoitei a Red House Painters e máis Stereolab... en fin.

Willy S.

Eu non subín o vídeo de Laetitia! Vin a un rapaz gravando no concerto, e, ao chegar a casa puxen no buscador de youtube "laetitia sadier santiago" e alehop!

Preguiza e despiste: a miña autobiografía perfecta! Subscríbase ás novas de sinsalaudio.org, non fallan lembrándonos os seus concertos unha, dúas, tres, catro ou cinco veces, chegando os avisos até o día anterior, para os máis despistados preguiceiros tipo eu.

toni

joder, eu sentín un pouco o mesmo co de mark, de feito andaba argallango un textillo para subilo. sentínme estafado, dalgunha maneira

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.