Estás lendo

o asalto das imaxes



Estou vendo o telediario coma sempre, con esa sensación de que todo o que pasa no mundo resúltame alleo e inexplicablemente próximo ao tempo. Estou mirando a tele, pensando en todas as cousas do día que me ocorreron e polo tanto en nada de importancia. E de súpeto, sen aviso, un lume incendia a pantalla: o funeral de Enrique Morente, e a súa filla, cantando a pelo diante do cadaleito, diante de non sei canta xente, unha canción desas supostamente poética e lírica. A escea, desbordante de contradicións superadas pola enerxía que emana do propio marco, déixame en estado de shock. O flamenco é un tipo de música que non me interesa nada. Aos prexuizos tópicos -unha forma encuberta de racismo que me teño moi coñecida- engado o desprezo á hiperdramatización. O fastío ante tanto berro e tanto quejío e tanto duende e tanta hostia. Toda a pretensión de veracidade que leva implícito o xénero paréceme basicamente mentira. Sei que non o é, pero o prexuizo, instalado con firmeza dende fai mil anos é inamovíbel. Mesmo as propias cancións de Enrique Morente con Lagartija Nick nesa obra maestra consagrada pola prensa musical que é "Omega" resúltame dunha pesadez considerábel. Un artificio que non me dí nada (eu son d´outro tipo de artificios). Porén, na escea de Estrella Morente -outra cantante que me interesa menos que cero- diante do corpo do seu pai morto hai algo estarrecedor que si me chega, como algo que arde atravesándome a pel. Hai que ter algo máis que moito valor para poñerse a cantar diante do pai morto. Hai que estar en posesión de algo que eu sei que nunca tereir para reventar todos os límites do que se considera correcto nos momentos de máxima dor, nos momentos nos que un está esnaquizado e fóra por completo da súa realidade habitual. E ese xesto imposíbel de levar adiante para case todo o mundo supérame. Desfai prexuizos de décadas e deixa un interrogante de certo peso nalgunha parte de min. Esa posta en escea, na cal o calculado é unha forma de espontaneidade ou o espontáneo o resultado dun cálculo minucioso, dunha mecánica obsesiva, dunha iteración interminábel, é  demoledora.

Os xestos semellan selo todo. O que un pon en xogo é a única definición de si mesmo válida. O mundo interior, o que un garda para si, as cousas que corren en segundo plano supostamente alimentando e facendo crecer a propia persoa só son un monte de merda. O resto dun fume no que ardiu fai tempo unha crenza na nosa natureza. O substancial, agora o sei, tan tarde xa, é o que se pon en xogo contra calquera convención previa. A miña vida é unha farsa completa dende o minuto cero. É o meu único pensamento mentras Estrella Morente, de negro absoluto, berra coma se lle tiveran arrincado o corazón alí mesmo. Aplaudo interiormente, dende a inexistencia de alguén que di ser eu, mentras envexo todo o que vexo. Hai algo profundamente falso en todo isto. Pero está escrito dende a intuición de que baixo o lixo destas verbas hai agochado un rastro de verdade.

Comentarios nesta entrada

cossimo

Ela está facendo o que no seu entorno se considera correcto facer nos momentos de máxima dor. Charlar distendidamente coas amizades perante o féretro de teu pai tamén é unha forma de espontaneidade calculada e demoledora.
Sinceramente non vexo a diferencia.

willy

Simplemente o seu software é diferente?

E xa?

Non hai marxe para algún tipo de decisión personal?

cossimo

O que digo é que a morte é, coma todo, unha representación. Moitos norteños aborrecidos de clase media, atribúenlle a performances como a de Estrella Morente un plus de autenticidade. En realidade, todo se reduce a exotismo, a paternalismo "orientalista". O rostro impertérrito dunha viúva galega (ou asturiana ou vallisoletana) mentres introducen o ataúde no nicho é un espectáculo igual de estarrecedor.
Supoño que si hai marxe para a decisión persoal. Como cando os fillos do presidente do ilustre colexio de notarios da provincia de Pontevedra se abrazan desgarrados pola dor, á caixa que contén os restos mortais do seu proxenitor para tratar de impedir (simbolicamente)o seu soterramento.

Pasando por aquí

A lo mejor el señor Morentes, despues de los aplausos debería levantarse y saludar.Estas demostraciones plañideras tanto del sur como de este país me parecen fuera de lugar,para llenar programas de cadenas "belenesjorgejavier" y que blogeros escriban la columna del día.¡Bah!

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.