Estás lendo

cantando baixo a chuvia



Un fermoso artigo de Claude Chabrol (Que mi alegría perdure, 1953, reeditado no Cahiers de Cinema español o outubro pasado) fíxome voltar a ver cantando baixo a chuvia, a película de Gene Kelly (axudado na dirección -sospeito que moito- por Stanley Donen) que recrea en clave de comedia musical a rodaxe dunha película no Hollywood de 1927 en plena transición do cinema mudo ao sonoro. Nun dos párrafos dese artigo Chabrol afirma:

Bajo la lluvia, un hombre canta y baila. Con el mismo agua de la que normalmente se temen las trombas, un hombre inicia un gracioso ballet. El espectador, su cómplice, canta y baila con él, bajo la mirada atónita de un policía. Y cuando el hombre de la pantalla, en su impulso, con el paraguas apuntando al cielo, salta a una farola, su cómplice, en la oscuridad de la sala, tiende a imitarle. Eso sólo se explica por la introducción de un artista con una maravillosa generosidad de espíritu, cuya cámara, tan ágil y ligera como él, sabe hacernos sentir la delicada pureza de las cosas y la emoción profunda que conlleva toda felicidad.

A chuvia como expresión da felicidade: existe algún argumento máis inverosímil que este? Para alguén que naceu e vive na Galiza do millón de días de chuvia anuais, do verán ultracurto (15 de xullo a 15 de agosto), na terra dos vendedores de bikinis arruinados, como é posíbel emocionarse con este canto ao diluvio universal? O milagre acontece, porque como di Chabrol, Gene Kelly fainos ver "a delicada pureza das cousas e a emoción profunda que conleva toda felicidade". E esa capacidade non é precisamente insignificante nin menor. Asomarse ao abismo é tan incribelmente sinxelo que un non pode evitar pensar con Lacan que "a normalidade é unha forma especial de psicose". O difícil, o estravagante, o que pode devorarnos no intento é alonxarse da negrura que se adiviña tralas fendas da realidade é expresar ese goce de vivir que puntualmente nos atravesa en momentos concretos. Para min, os mellores son aqueles que non respostan a un factor externo. Espertas unha mañá e tes ganas de saír a rúa a cantar e bailar coma un tolo. Só porque si, porque o teu corpo experimenta a vida como un feixe de estímulos e sensacións que te atravesan e necesitas explotar dalgún modo que celebre o feito de estar vivo. Boto de menos esas mañás, en especial nestes días coñazo de fin de ano. Boto de menos non ter sido Gene Kelly para celebrar a chuvia todas as mañás dos invernos. E boto de menos dar saltos nos charcos, mollarme até afogar, sentir a mirada dun policía e dicirlle, "estou danzando e cantando na chuvia!"

Comentarios nesta entrada

cossimo

Moito visio é o que hai. Propoño unha terapia de choque:
http://www.ksml.fi/video-kuva/webkamerat/jyvaskyla/

En todo caso, moito antes ca Gene Kelly e Claude Chabrol, Rosalía de Castro describía xa a delicada pureza das cousas.E non se ría que, a pesar dos seus desvaríos climatéricos, vostede é un dos galegos máis castristas que coñezo.
http://www.youtube.com/watch?v=cqd1gJqV5dk

willy

home, se nos comparamos con Finlandia isto é California, claro...

Fermoso poema o do youtube, por certo (pena que a música da canción non estea a altura do que conta). Iso si, quería ver eu a Rosalía dando eses chimpos que da Gene Kelly subido á farola!

Castrista eu, que son puro granito gris candeán!!!

cossimo

Se nos comparamos co 80% de Europa e gran parte de norteamérica, isto é California. Sydney, unha cidade tan de postal tropical, ten de media 143 días de choiva ao ano; Vigo, 130. As horas de sol tamén en cómputo anual, son moi similares: 2.300.
Entre maio e novembro deste ano que remata choveu menos aquí ca no sureste peninsular. A temperatura diurna non baixou case ningún día dos 25º. Se tivo tempo e ganas puido padecer unhas 200 insolacións e queimaduras de todos os tipos de graos.
Se o compara con Yakarta, Alicante ten un clima subártico.

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.