Estás lendo

Pero que h***a é iso de "Vigo Transforma"?

Carteis por toda a cidade dun novo festival de música na vila: un barco portacontedores enfilado cara as Cíes, un ceo cuberto de nubes ao estilo Os Simpsons, unha especie de transformer-rinoceronte feito con pezas do Lego a piques de desembarcar e un millón de logos (haberá un sutil xogo semiolóxico entre o lego e os logos?): Xunta de Galicia, Tenencia de Alcaldía de Vigo, unha cousa que se chama vigocultura, El Corte Inglés, o Instituto Camoes, esmerArte (???), Caixanova, Coca Cola, Heineken, Puerto de Vigo, revistas de tendencias varias,...

Investigo un pouco. O cartel reúne a a) unha selección moi do momento: os xx, Miike Snow, Devendra Banhart, Jeff Tweedy, Fanfarlo, b) vellas glorias da música de baile: Orbital, Fischerspooner, c) independencia hispánica para modernuquis: love of lesbian, delafé d) independencia galaica para modernetes: triángulo de amor bizarro, elodio y los seres queridos, e) crooners dos 90 resistentes á decadencia: neil hannon, f) cousas que non sei que son: polock, the morning benders, g) djs locais: mweeslee, caino e g) misterios das modas revivalistas e do presente continuo no que vive instalado o mundillo musical: os mutantes.

A primeira vista a cousa mola. Eu iría só por ver a Neil Hannon, a Jeff Tweedy, a Fanfarlo e a the xx (previsibles gustos de pijo de chapapote, seino). Podería plantearme gastar os 40 € que custa o abono por ver a estes grupos. Pero algo cheira mal, algo non encaixa. Non é a típica aventura a tumba aberta dun festival Sinsal. Non parece a iniciativa dunha sala disposta a arriscar os seus cartos a ver que sae. Non semella ser a iniciativa dalgún colectivo local con ideas, traxectoria, sentido do risco e ganas de axitar o panorama cultural da cidade.

Parece o festival que faría un concelleiro de cultura do PP se este partido gobernase na cidade e se este concelleiro tivera algún fillo modernete metido no mundillo musical galaico e con conexións políticas e empresariais de "alto" nivel. Algo así, pero en peor.

Sigo investigando. Na web, o presumible gran negocio que hai aquí debaixo vai con coartada enrrollada e guai: (copio e pego)

A programación de Vigo Transforma busca involucrarse coa cidade, tender uns vínculos cos habitantes que vaian máis alá da mera celebración anual dun festival. Se trata de crear un acontecemento cultural, pero tamén de poñer en marcha unha corrente de enerxía que sirva para activar artistas e espectadores, que promova a creación, que transforme a sociedade da cidade para situala como unha das máis activas e avanzadas do estado.


A linguaxe deste párrafo anterior bordea o insulto. Invita a prenderlle lume a algo. Contengo a miña erupción de ira e sigo lendo:

Un acontecemento cultural e social como Vigo Transforma non se limita á realización dun festival musical ao uso. O concepto "Transforma" implica a posta en marcha de iniciativas de alcance social baseadas na sostibilidade ambiental e na difusión de conceptos de responsabilidade ambiental. Desta forma, poñeranse en funcionamento unha serie de medidas destinadas a minimizar o impacto ambiental producido polo festival en colaboración coa organización Universo Vivo.


Oh my god! rollito ecoloxista tipo "poñer contedores amarelos para reciclar as latas de Heineken e os vasos de plástico dos botellóns". Outro texto que invita á mutilación e á tortura da persoa responsable da súa escrita.

A cousa remata cunha historia chamada "ecochic" e outra de reciclar móbiles para axudar aos gorilas de Africa. Todo tan pulcro, tan aseado, tan guai, que dan gas de botar a comida sobre o teclado do ordenador.

Do importante: quen, como, porqué, e, sobre todo, canto, nin unha palabra. O festival ten lugar no peirao de trasatlánticos. Non se sabe quen está detrás do evento: O Concello? A Xunta? O Xacobeo? Unha productora privada? A autoridade portuaria? Todos xuntos ao tempo?

A sensación que transmite toda a xogada é "imos a asociar o porto coa música supostamente guai para amosar que os responsables dos recheos na Ría non somos unha banda de negociantes sen sentimentos, senón que somos xente sensible con sentimentos que entende que a mocidade quere pasalo ben".

Os concertos, polo tanto, entran nunha xogada dupla: modernizar e limpar a imaxe do porto de Vigo (paso previo a xustificar sen rubor os interminables recheos que van dominando a Ría) e inventar unha "festa da cultura" dende arriba, dende as Consellerías e Concellerías de turno, botando man dun discurso que recolle a peor retórica do progresismo máis cínico e as intencións máis turbias do conservadorismo máis rancio.

Será un éxito, claro. Isto é Vigo.

(Parece ser que todo o invento vai acompañado dunha actividade que se chama "vasos comunicantes": performances, instalacións e obradoiros con vocación experimental, que, se realmente pretenden ser tal cousa un non pode evitar preguntarse "que fan metidos nesta operación de marketing institucional?".)

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.