Estás lendo

summer paranoia (III)

VII. Slavoj Zizek, en defensa de la intolerancia:
En poucas palabras: a persoa de esquerdas non só viola o principio liberal da neutralidade imparcial, senón que sostén que semellante neutralidade non existe, que a imparcialidade do liberal está sempre sesgada de entrada. Para o Centro liberal, ambas suspensións da lei, a de dereitas como a de esquerdas, son en definitiva unha mesma cousa: unha ameaza totalitaria contra o imperio da lei. Toda a consistencia da Esquerda depende da súa capacidade para poder amosar que as dúas lóxicas detrás de cada unha das dúas suspensións son distintas. Se a Dereita xustifica a súa suspensión da ética dende o seu antiuniversalismo, aducindo que a identidade (relixiosa, patriótica) particular está por enriba de calqueira norma moral ou xurídica universal, a Esquerda lexitima a súa suspensión da ética, precisamente, aducindo a verdadeira universalidade que aínda está por chegar. Ou, doutro modo, a Esquerda, simultaneamente, acepta o carácter antagónico da sociedade (non existe a neutralidade, a loita é constitutiva) e segue a ser universalista (fala da emancipación universal): para a Esquerda, a única maneira de ser efectivamente universal é aceptando o carácter radicalmente antagónico (é dicir, político) da vida social, e aceptando a necesidade de "tomar partido".
[...]
O xesto político de esquerdas por antonomasia consiste, por tanto (en contraste co lema político típico da dereita de "cada cal no seu sitio"), en cuestionar a existente orde global concreta no nome do seu síntoma, é dicir, daquela parte que, aínda sendo inherente á orde universal actual, non ten un "lugar propio" dentro do mesmo (por exemplo os inmigrantes clandestinos ou os "sin teito"). [...]; o proceder de esquerdas reivindica enfaticamente (e identifícase con) o punto de excepción/exclusión, o "residuo" propio da orde positiva concreta, como o único punto de verdadeira universalidade.


VIII. Ando de vacacións pola zona norte da costa mediterránea. A paisaxe ten ese punto que invita simultaneamente a vivir e a morrer. A luz tamén ten algo, unha especie de invitación a abandonarse permanentemente, a deixarse ir mornamente. As praias están cheas de croios, non todo ía ser perfecto, senón sería insoportable, claro. Fai calor de día e de noite pódese pasear pola rúa en camiseta e dormir despois espido sen problemas ao chegar a casa. O pobo no que estou mantén unha tensión considerable entre a súa identidade tradicional e as presións do turismo de masas. Malia todo, sobrevive sen caer no tipismo nin no pintoresquismo nin no folclorismo. A liña de costa presenta os síntomas máis evidentes do conflicto entre identidade tradicional e presión turistizadora (aínda así, o leva bastante ben), mentras que cara ao interior, unha maraña de rúas estreitiñas crea unha sorte de rede de resistencia protexida por leis urbanísticas bastante ríxidas (según nos contou a muller que nos alugou o piso no que estamos) que pretenden conservar a estrutura e a tipoloxía do pobo. Este é "bonito" no sentido típico da palabra. Pero, baixo esa apariencia de pobo-de-postal, consérvase un algo verdadeiro difícil de explicar que se substancia nos olores que esvaran polas rúas, nas persoas conversando nos patios en sombra, nas vellas sentadas en cadeiras plegables nas portas das casas observando aos turistas coma min cunha pizca de sorna, na ausencia case total de policías e cámaras de seguridade e nos vellos hippies tatuados que, coa pel requeimada, languidecen nas terrazas dos bares mentras ao seu arredor exércitos de hippies novos tocan versións aflamencadas de cancións de "os 40 latino" para turistas nórdicos con cara de felicidade idiota. Mola.

IX. As vacacións séntanme demasiado ben e demasiado mal simultaneamente. Este é un descubrimento tardío que aínda non explorei en profundidade.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.